INFRAESTRUCTURAS INICIATIVAS

Os socialistas insisten en demandar melloras nas estradas da Deputación

O PP TORPEDEA A MELLORA DAS ESTRADAS DE TITULARIDADE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE A  PESAR DE QUE INCUMPREN MANIFESTAMENTE O INVESTIMENTO MÍNIMO POR QUILÓMETRO

O portavoz Francisco Fraga denuncia que “é incomprensible que o goberno provincial acumule recortes continuados nos orzamentos adicados ás estradas, a pesar de asumir máis quilómetros de vías cada ano»

Os seis millóns anuais demandados polos socialistas son un cálculo técnico do investimento mínimo necesario por quilómetro de vías que a Deputación ourensá incumpre manifestamente

Ourense, 26 de outubro de 2018. O PSdeG-PSOE impulsou no pleno provincial a mellora das estradas propiedade da Deputación de Ourense (algo máis de 1.800 quilómetros), ante as reiteradas queixas dos técnicos por falta de recursos económicos e materiais, e dos usuarios e usuarias polo seu deficiente estado. A moción reclamaba que a institución incremente os fondos públicos dedicados a xestión, conservación e mantemento das estradas da súa titularidade ata os seis millóns de euros anuais, e que se reforce o servizo de vías e obras cubrindo as prazas de persoal que estean vacantes e convocando as de nova creación necesarias.

O portavoz do grupo provincial, Francisco Fraga, denuncia que “é incomprensible que o goberno provincial acumule recortes continuados nos orzamentos adicados ás estradas da súa titularidade, a pesar de asumir máis quilómetros de vías cada ano”. “En 2019 a Deputación perdeu medio millón de euros e xa se sitúa nuns insuficientes 1,5 millóns de euros que evidentemente non alcanzan para unha xestión eficiente”, denunciou antes de recordar que os seis millóns anuais demandados polos socialistas na moción son “un cálculo técnico do investimento mínimo necesario por quilómetro de vías que a Deputación ourensá incumpre manifestamente”. Tamén destacou que “o que se ve non se esconde, polo que é imposible non falar das deficiencias que presentan as estradas e que vemos todos”.

Fraga salientou que “é fundamental que estas vías polas que transitan a diario decenas de miles de veciños e veciñas estean en correctas condicións de seguridade e comodidade, xa que exercen un papel clave para atender as necesidades sociais das persoas e facilitan acceso ós servizos básicos como a asistencia médica”. O portavoz tamén destacou que hai brigadas de persoal do servizo de vías e obras que “están en mínimos”, unha situación de precariedade que provoca grandes atrasos na atención ós concellos que demandan servizos de cooperación que a Deputación está obrigada a prestar.