PP E BNG REXEITAN O APARCADOIRO GRATUÍTO XUNTO O COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIARIO DE OURENSE PROPOSTO POLOS SOCIALISTAS
A proposta de acordo reclamaba que a Deputación Provincial realice as xestións oportunas e pertinentes, para dotar á contorna do Complexo hospitalario dun aparcadoiro disuasorio libre e gratuíto
O PSdeG-PSOE cedeu o quenda de palabra durante o debate a Julio Adán, membro da Federación de Asociacións Veciñais Limiar, o cal detallou polo miúdo as características deste aparcadoiro provisional na finca Santamariña
Ourense, 27 de xullo de 2018. Os socialistas propuxeron no pleno de xullo da Deputación de Ourense a construción dun parking disuasorio libre na contorna do Complexo Hospitalario Universitario (CHUO) da terceira cidade de Galicia, unha iniciativa que foi rexeitada por culpa dos votos en contra do PP e a abstención do BNG. PSOE e DO votaron a favor da proposta. A proposta de acordo tombada por conservadores e nacionalistas reclamaba que a Deputación realice as xestións oportunas e pertinentes, para dotar á contorna do complexo hospitalario ourensán dun aparcadoiro disuasorio, provisional, libre e gratuíto, dentro da legalidade urbanística e administrativa.
Ante a insistencia do PP en timar ós ourensáns nos dous aparcadoiros públicos existentes no recinto sanitario ourensán, os socialistas denuncian unha vez máis, que os conservadores manteñen pechado desde hai un ano o parking propiedade da Xunta situado no novo Hospital Universitario, a pesar de que podería estar en servizo, e tamén manteñen tarifas abusivas no aparcadoiro propiedade da Deputación que, para colmo, incumpriu a obrigada rebaixa tarifaria aprobada polo pleno de xuño, sen que, ata o de agora, o goberno provincial do PP ofrecese unha explicación do sucedido.
O PSdeG-PSOE cedeu a quenda de palabra no debate a Julio Adán, membro da Federación de Asociacións Veciñais Limiar, o cal detallou polo miúdo as características deste aparcadoiro provisional aproveitando a falta de uso dos terreos da finca Santamariña. Adán denunciou a “falta de aparcadoiros a pesar de que a lei obriga a dotar destes espazos”; destacou os problemas para aparcar na contorna do complexo hospitalario e no barrio da Cuña; e salientou que “na finca Santamariña hai uns 155.000 m2 de solo urbano non consolidado que, en parte, poderían ser empregados provisionalmente para este uso tan necesario”. “O parking debería ter, polo menos, 13.500 m2 ampliables en momentos necesarios se fose necesario”, dixo para ofertar así máis de 700 prazas de aparcadoiro.
Pola súa banda, o portavoz provincial, Francisco Fraga, pechou o debate da moción destacando que a proposta de acordo recalca a necesidade dun proxecto dentro da legalidade, e matizou que “aínda que parece difícil, non é imposible chegar a un acordo cos actuales propietarios privados do terreo” (El Corte Inglés e Flager) polo que non comprende o “medo” que lle entrou ó PP á hora de negociar, manifestado polo vicepresidente provincial, Rosendo Fernández. Tamén salientou que as prazas gratuitas que ofertará o novo aparcadoiro –unhas 200– do Hospital Universitario son manifestamente insuficientes, e destacou que no pleno provincial “adoptamos decisións políticas para, entre outras misións, resolver problemas da veciñanza e falta de aparcamento na zona da Cuña é un deles”.

