Debate do estado da provincia INICIATIVAS

Estas son as fábulas do PP

OS SOCIALISTAS EVIDENCIAN A FÁBULA DO PP CON OURENSE Ó RESCATAR PROPOSTAS POPULARES APROBADAS EN ANTERIORES DEBATES DO ESTADO DA PROVINCIA NUNCA CUMPRIDAS                                      

Francisco Fraga recordoulle a Baltar que “vive no país das ensoñacións e cómpre que vaia poñendo os pés na terra” porque “o Ourense co que vostede soña pouco se asemella ó Ourense real”

“Cómpre baixar da nube e afrontar a dura realidade antes de que sexa demasiado tarde e teñamos enriba o cartel de véndese ou traspásase. Ourense non o merece”, concluíu o portavoz do PSdeG-PSOE

Ourense, 6 de novembro de 2018. O PSdeG-PSOE evidenciou hoxe a fábula do PP con Ourense, ó rescatar propostas dos populares aprobadas en anteriores debates do estado da provincia que non foron executadas, co fin de denunciar o fume de fantasía e propaganda no que está envolto o goberno provincial de Baltar. Os socialistas presentaron unha escolla de iniciativas impulsadas polos conservadores que non pasaron do papel, centradas na dinamización dos sectores empresarial, turístico e agrogandeiro. Esa propaganda popular é tan densa que cegou o portavoz do PP, Plácido Álvarez, que chegou a asegurar que ían estudar as súas propias propostas, ou incluso agora votaron en contra dunha iniciativa que xa aprobaran anteriormente.

O portavoz socialista, Francisco Fraga, asegurou que “Ourense non pode ser unha abstracción e para que non o sexa, xa estamos nós”, antes de salientar a continuada “propaganda na que teñen sumida a esta provincia” e os pésimos datos económicos e demográficos desde hai un cuarto de século. Fraga dirixiuse ó presidente provincial para preguntarlle “en que momento deixou de contarlle á xente á realidade do que acontece para contarlle o que parece que quere oír ou o que queremos que oían”. “Vostede transita polo posmodernismo porque é o que mellor lle acae para non rendir contas” dixo para logo denunciar que “pasamos de ser o próximo Sillicon Valley a socio preferente dos EEUU, exportadores de coñecemento e, agora, lugar escollido para recibir emigrantes retornados”. “En Ourense van acabar dicindo que estamos competindo por ser sede olímpica e o peor é que seguramente haxa que o crea”, afirmou.

Os socialistas ourensáns defenden que a única maneira de rescatar a verdade do lodo onde a enterramos é mediante o regreso do relato veraz e contrastado, fronte a suposta superioridade da intelixencia e as ocorrencias. “Cando máis necesaria se fai a política con maiúsculas, esa que fai progresar dun xeito sostible e equitativo ós pobos, máis arrecian os ventos da política mesquiña e rastreira” denunciou Fraga.

Durante o seu discurso recordoulle a Baltar que “render contas implica asumir a realidade tal e como é”, e salientou que “foi un pioneiro nisto da política do fume, dos grandes titulares e os golpes de efecto”, a pesar de acumular anos “desgobernando a provincia”. Durante o debate, o portavoz fixo un exercicio de fact-checking e falou de Ubaldino, un veciño de Chandrexa de Queixa, ou de Dolores, unha muller que vive en Sabadelle, entre outros veciños e veciñas que se ven afectados no seu día a día pola precariedade social, económica e asistencial que envolve á provincia ourensá. “Son persoas afectadas pola falta de recursos sociais e asistenciais, ausencia de transporte público, anacronismo dixital, desprestixio do traballo rural, falta de xestión eficiente das terras, illamento, ausencia de axudas efectivas para o emprendemento no sector agrario, gandeiro, forestal, etc, falta de postos de traballo, de industria, bancos que fuxen e deixan ás persoas a velas vir… e así obtemos a ecuación perfecta do futuro que nos espera”, relatou.

Antes de evidenciar as fábulas do PP con promesas incumpridas vestidas de pura propaganda, Fraga recordoulle ó presidente provincial que “vive no país das ensoñacións e cómpre que vaia pensando en poñer os pés na terra” porque “o Ourense co que vostede soña pouco se asemella ó Ourense real”. O portavoz destacou que cando remate este mandato, o PP levará gastados máis de 400 millóns de euros. “Pode dicirnos en que mellorou esta provincia?”, preguntoulle ironicamente logo de aseverar que “aquí de render contas ninguén fala, nin de mellorar as angustiosas cifras que nos levan ó abismo, de todo iso calamos”. O PSdeG-PSOE recordou que nos últimos 40 anos, Ourense perdeu máis de 120.000 habitantes, sendo a provincia do Estado español que máis poboación, pero ninguén fixo nada desde o goberno provincial e tampouco se albisca o punto de inflexión.

O portavoz socialista rematou con optimismo a súa intervención principal ante o pleno provincial, asegurando que defende “o futuro desta provincia, as súas posibilidades, as súas fortalezas e o espíritu das súas xentes sufridas e emprendedoras”, pero para iso salientou que “é imprescindible mudar as políticas que nos trouxeron ata esta situación porque é inútil seguir persistindo no erro”. “Cómpre baixar da nube e afrontar a dura realidade antes de que sexa demasiado tarde e teñamos enriba o cartel de véndese ou traspásase. Ourense non o merece”, concluíu Fraga Civeira.