INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG-PSOE reclama que Baltar deixe de ser un outsider e se sume á campaña ‘en negro contra as violencias’

OS SOCIALISTAS PROPOÑEN QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE DEIXE DE SER UNHA OUTSIDER E SE SUME DE INMEDIATO Á CAMPAÑA ‘EN NEGRO CONTRA AS VIOLENCIAS’

A moción tamén insta ó poder xudicial a constituír unha das primeiras comisións provinciais de violencia de xénero do Estado, na que debe participar a Deputación ourensá

Francisco Fraga asegura que “Baltar non pode seguir a ser un outsider que protagoniza titulares negativos e permanece impasible ante a preocupación social polas escandalosas cifras de asasinatos”

Ourense, 16 de novembro de 2018. O PSdeG-PSOE proporá durante o vindeiro pleno provincial de novembro, que a Deputación de Ourense deixe de ser unha outsider e se sume á campaña ‘en negro contra as violencias’, da xa que xa forman parte máis de 6.000 axentes colaboradores, un cento de concellos e as outras tres deputacións galegas. A moción tamén insta ó poder xudicial a constituír en Ourense unha das primeiras comisións provinciais de violencia de xénero de todo o Estado, na que debe participar a Deputación ourensá, entre outras institucións.

Os socialistas consideran nuclear que o goberno de Manuel Baltar dea un paso á fronte e se adhira á campaña ‘en negro contra as violencias’ xurdida no ano 2015, pola importancia que ten no traballo de concienciación sobre a violencia machista, e polo papel clave que exerce a institución como axente dinamizador da actividade municipal. O portavoz, Francisco Fraga, asegura que “Baltar non pode seguir a ser un outsider que deixe de lado unha campaña que xa chega a máis da metade da poboación galega a través de todas as institucións públicas”. “É hora de deixar de protagonizar titulares negativos coma ser a única das deputacións galegas incapaz de adherirse por razóns ideolóxicas ou partidistas a unha campaña, que cada vez ten máis presenza na sociedade”, denuncia Fraga antes de aseverar que “esta administración non pode permanecer impasible ante a preocupación social polas escandalosas cifras de feminicidios e asasinatos”.

A campaña é unha gran acción colectiva de sensibilización social contra todas as violencias machistas. É importante sinalar que as institucións públicas adheridas deben adquirir formalmente un compromiso político e técnico para espallar a acción e mobilizar á poboación e a axentes sociais e económicos. O alcance de ‘en negro contra as violencias’ é tan diverso que incluso a propia Catedral de Santiago chegou a colocar unha das faixas da iniciativa.

A moción do PSdeG-PSOE tamén reclama que o pleno inste ó Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e á Audiencia Provincial, a crear de inmediato a Comisión Provincial de Violencia de Xénero de Ourense. Este organismo –un dos primeiros do Estado do seu tipo– que o CXPX pretende crear en todas as provincias, aglutinaría ás institucións con competencias neste tipo de delitos, e permitiría unha maior coordinación e eficacia na loita contra estas violencias. Entre os seus obxectivos está a análise dos erros detectados; a valoración das situacións de risco; o estudo dos datos estatísticos; a proposta de novidades que axuden a mellorar a eficacia ou a implantación de medidas de asistencia letrada ás mulleres desde as dependencias policiais.

A comisión debe contar con representantes dos xuíces, Fiscalía, Xunta de Galicia, Instituto de Medicina Legal, Deputación Provincial, entidades locais, forzas e corpos de seguridade do Estado, e dos colexios profesionais de avogados e procuradores co fin de establecer un sistema estable de coordinación que evite fisuras.

Fraga recorda a “importante mobilización social durante o último ano fronte a este problema que contribuíu a visibilizar reclamacións históricas”, pero salienta que esa “mobilización precisa do respaldo unánime das institucións e de todos os axentes sociais e económicos, para que a loita contra as violencias machistas non decaia”. “Temos que implicarnos na creación de espazos seguros para as mulleres e crear conciencia social contra as violencias que agriden á metade da poboación”, salientan os socialistas, polo que consideran inaprazable a inmediata constitución da Comisión Provincial de Violencia de Xénero de Ourense, como organismo centralizador e coordinador das políticas activas de loita e prevención contra os feminicidios.

Accede á moción > MOCIÓN CONTRA VIOLENCIAS MACHISTAS