Demografía INICIATIVAS

O socialistas plántanse ante a sangría demográfica

OS SOCIALISTAS DE OURENSE PROPOÑEN QUE A DEPUTACIÓN RECLAME Á UNIÓN EUROPEA, Ó GOBERNO DE ESPAÑA E Á XUNTA MEDIDAS CONCRETAS CONTRA A REGRESIÓN DEMOGRÁFICA

O PSdeG-PSOE demanda que a institución elabore un plan de acción contra o despoboamento e o envellecemento redactado por un novo consello provincial que aglutine a políticos e axentes sociais

Francisco Fraga: “Loitar contra a despoboación non vai só de sacarse fotos con Juncker porque fai falta algo máis, xa que Ourense necesita unha discriminación positiva real”

Ourense, 20 de novembro de 2018. Ante a ignominiosa pasividade de todas as institucións públicas co maior problema de Ourense desde hai case catro décadas, os socialistas impulsarán durante o vindeiro pleno da Deputación, unha batería de propostas para que o organismo reclame á Unión Europea, ó Goberno de España e á Xunta de Galicia, medidas concretas contra a regresión demográfica que asola a provincia. Igualmente proporán que a Deputación elabore un plan contra este problema, redactado por un consello de loita contra o despoboamento de nova e inmediata creación, que aglutine a axentes políticos, económicos e sociais.

Ourense vén sufrindo un grave proceso de regresión demográfica que ameaza a súa existencia. Perdeu máis de 123.000 nos últimos 40 anos (de 433.000 en 1977 pasouse a só 309.000 en xullo de 2018). Un proceso que se agudizou nestes últimos anos cunha sangría poboacional que xa suma entre 3.500 e 3.700 habitantes anualmente. Isto significa que cada ano esfúmase da provincia a poboación dunha vila do tamaño da Rúa, sen que ninguén faga nada por poñerlle freo a esta situación.

O portavoz, Francisco Fraga, explicou hoxe que “esta provincia xa non da saído por si soa desta pésima situación demográfica”, polo que “é necesaria unha estratexia elaborada desde aquí e, por iso consideramos fundamental a creación dun consello provincial de loita contra a despoboación e o envellecemento, no que tamén deben estar representados os axentes económicos e sociais”. Fraga destacou que “isto non vai só de sacarse fotos con Juncker porque fai falta algo máis, xa que Ourense necesita unha discriminación positiva real”, antes de alertar que “non podemos seguir por este camiño que unicamente nos leva á desaparición”. O portavoz socialista matizou que “non podemos obrigar á xente a vivir no rural pero si debemos ofrecer solucións fronte problemas que presenta esta opción e alternativas para aquelas persoas que si queren vivir no rural e do rural”. “É o momento de traballar conxuntamente e estas propostas deben ser un punto de partida dunha estratexia moito máis ambiciosa, pero elaborada con medidas pensadas desde aquí, desde o noso territorio, xa que, ás recetas saídas de arriba non sempre funcionan”, aseverou.

Audio da rolda de prensa de Francisco Fraga

A moción reclama un acordo para redactar un plan de acción contra a despoboamento e o envellecemento que sexa avaliado anualmente, con medidas concretas e con dotación orzamentaria propia. Entre as medidas concretas demandaranse axudas ós concellos para garantir os servizos obrigatorios; áreas para empresas adecuadas para esta realidade; impulso do cooperativismo; ou o incremento de escolas infantís adaptadas a eses territorios. O plan será elaborado polo consello provincial de loita contra o despoboamento, constituído coa participación dos concellos e a sociedade civil (entidades sociais, axentes económicos, etc.) dos territorios afectados, que elaborará cada ano a proposta de actuación para o exercicio seguinte.

A iniciativa tamén estende as súas demandas ó resto de institucións públicas con competencias. Así, reclama da Unión Europea un plan urxente e efectivo con medidas concretas e inmediatas, para favorecer o desenvolvemento das comarcas que sofren o despoboamento e o envellecemento de forma grave co obxectivo de frear este proceso, primando que os fondos para desenvolvemento se destinen a estes territorios.

O texto da moción demanda do Goberno de España e da Xunta de Galicia que, ó mesmo tempo que se aproba a estratexia nacional contra a regresión demográfica, se poñan en marcha accións para actuar ante este grave problema que non é novo pero que apenas recibiu atención por parte dos políticos e das administracións. Entre as medidas de discriminación positiva que se piden ó goberno central figuran beneficios fiscais e nas cotas da seguridade social; nos prezos da electricidade, combustibles e telefonía; así como primas nos fondos para o financiamento dos concellos afectados. Da administración autonómica demándanse axudas para empresas locais e de fomento do emprego; para favorecer o asentamento de novos residentes nas comarcas máis afectadas; para adecuar os servizos públicos da Xunta (educación e atención infantil, sanitarios ou dependencia) ás peculiaridades destes territorios; favorecer ós residentes destes territorios nas condicións de acceso a determinadas prestacións públicas como a Risga ou as de dependencia; ou axudas específicas para a compra e rehabilitación de vivendas, terras e explotacións, entre outras.