Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Os socialistas denuncian as «pataletas» de Baltar con fondos públicos

O PSDEG-PSOE ESIXE A BALTAR QUE SE DEIXE DE IDIOTECES E BUFONADAS COMO A REPROBACIÓN DE ALFREDO GARCÍA E QUE PAGUE AS COSTAS DO XUÍZO QUE TOMBOU O ACORDO DE 2017                                                              

Todos os grupos da oposición demandan un informe ó secretario sobre as “consecuencias e responsabilidades» do PP por adoptar un acordo nulo que non corrixiron a pesar dos informes en contra

A voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, esixe ó presidente da Deputación que se deixe de “baltaradas”, “bufonadas” e “idioteces” e “se poña a traballar” polas necesidades reais de Ourense

Ourense, 19 de decembro de 2018. O PSdeG-PSOE esixe a Manuel Baltar que se deixe de “idioteces e bufonadas” como insistir “torticeiramente” na reprobación a Alfredo García, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e alcalde do Barco de Valdeorras, “usando a Deputación de Ourense como se fose un xoguete que lle regalou o seu pai”. Todos os deputados e deputadas dos tres grupos da oposición provincial –DO e BNG incluídos–, presentaron un escrito no que demandan un informe ó secretario da institución, sobre as “consecuencias e responsabilidades nas que incorren o presidente e os membros do grupo popular por ter adoptado e non ter corrixido un acordo nulo de pleno dereito, contrario ós informes da propia secretaría” que logo foi anulado pola xustiza. Tamén piden que as costas impostas nesa sentenza sexan aboadas polo presidente e os deputados que o refrendaron.

A voceira dos socialistas, Elvira Lama, denunciou hoxe que “Baltar utiliza os recursos públicos ó seu antollo e xoga co xoguete que lle regalou o seu pai”, polo que reclamou ó PP a inmediata retirada dunha moción presentada para o pleno do próximo venres na que insisten en reprobar a Alfredo García. A portavoz salientou que estamos novamente ante “un apaño torticeiro que xa foi anulado pola xustiza”, e recordou que o secretario da  Deputación informou en contra desta reprobación. “Baltar empecínase en non falar das necesidades reais da veciñanza, situándose ó marxe da lei, con argumentos torticeiros nun asunto ó que non lle imos entrar o trapo”, dixo.

Audio coas declaracións de Elvira Lama

Lama manifestou que “xa está ben das bufonadas de Baltar”, e asegurou que isto “é unha pataleta máis do presidente da Deputación para desviar a atención das necesidades e das preocupacións que realmente importan ós veciños e veciñas”. “Pedímoslle o Willy Fog da política ourensana que pare de viaxar polo mundo a costa dos cartos dos ourensáns, que deixe de pisar moqueta e poña os pés na provincia, e que deixe de sobrevoar o salón de plenos”, insistiu.

Os socialistas tamén anunciaron hoxe que reclaman “a Baltar e ós deputados e deputadas que lle ríen as súas gracias que paguen as costas do xuízo do seu peto”, logo da sentencia do titular do xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Ourense que tombou a acordo ilegal adoptado unicamente polo PP no mes de agosto de 2017. En contraposición con esta vergoñenta estratexia para enlodar e desviar a atención, o obxectivo do PSdeG-PSOE para a provincia pasa por “facer propostas que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas ós que pouco lles importan estas baltaradas”, explicou a voceira antes de concluír demandando ó presidente da institución provincial que “se deixe de idiotices e se poña a traballar”.