Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

A xustiza anula a reprobación de Alfredo García argallada ilegalmente por Baltar

A XUSTIZA CONFIRMA A ILEGALIDADE DENUNCIADA POLOS SOCIALISTAS E TUMBA A REPROBACIÓN DE ALFREDO GARCÍA ARGALLADA POR BALTAR PARA DESVIAR A ATENCIÓN                                                                           

O xuíz reprocha que Baltar “no lugar de facer propostas construtivas ou alternativas, opta por tratar de aproveitar a convocatoria para sinalar a unha persoa como instigadora dun suposto movemento”

Francisco Fraga cualifica o fallo como “exemplar” porque “recolle as prácticas que denunciamos”, e define como “pataleta e broma de mal gusto” a insistencia do PP en reprobar novamente a Alfredo García

Ourense, 13 de decembro de 2018. A xustiza aséstalle unha sonora labazada a Manuel Baltar. O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Ourense confirma a ilegalidade denunciada polo PSdeG-PSOE e tumba a reprobación de Alfredo García, alcalde socialista do Barco de Valdeorras e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), argallada por Manuel Baltar para desviar a atención. A sentencia asume integramente o recurso interposto polos socialistas, reprocha que foi un acto “forzado e peregrino” que “non pode admitirse” e condena en costas á Deputación presidida polo PP.

O procedemento instando conxuntamente polo PSdeG-PSOE –representado por Francisco Fraga– e por Democracia Ourensana –Armando Ojea non abandonou o salón do plenos durante a votación e, polo tanto, era o único deputado da oposición capacitado para interpor o recurso–, supón un novo freo ó uso caciquil e partidista que Baltar fai da institución pública que preside. O titular do xulgado asegura que comparte “plenamente o parecer exposto no seu informe polo secretario xeral da Deputación”,  no que declarou nulo o acordo adoptado unicamente polo PP, nun pleno extraordinario convocado a instancias da oposición en agosto de 2017, no que se reclamaba a implantación dun plan único para o reparto obxectivo dos fondos provinciais.

A sentenza afirma que “de ningún modo pode admitirse” que “se traten cuestións tanxenciais” aproveitando a convocatoria dun pleno extraordinario. Tamén asevera que a reprobación “é improcedente desde o punto de vista procidemental ao ser completamente allea á orde do día e non gardar ningunha relación co mesmo ou, no seu caso, gardala dunha forma absolutamente forzada e peregrina”. Tamén reprocha que o goberno conservador de Baltar “no lugar de facer propostas construtivas ou alternativas, opta por tratar de aproveitar a convocatoria para sinalar a unha persoa como instigadora dun suposto movemento”.

Francisco Fraga cualifica o fallo como “exemplar”. “Alégrome porque esta sentencia recolle todas as prácticas que nós denunciamos”, dixo antes de definir como “pataleta” e “broma de mal gusto” a insistencia do PP en reprobar novamente a Alfredo García no pleno ordinario de decembro. “A provincia non está para perder o tempo de novo con este tema, xa que Ourense ten outros retos e preocupacións máis importantes que demandan os cidadáns”, concluíu.