Demografía SERVIZOS PÚBLICOS

Denunciamos un carrusel de recortes nos centros de saúde do rural

O PSDEG-PSOE LEVARÁ Ó PLENO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE O CARRUSEL DE RECORTES DO PP NOS SERVIZOS MÉDICOS DE ATENCIÓN PRIMARIA DA PROVINCIA

Francisco Fraga salienta que “estas situacións provocan un círculo sen fin no que a perda de poboación conleva á perda de servizos básicos, e ausencia destes impide o asentamento de habitantes”

“Existe unha demanda moi elevada que en ocasións leva á que os profesionais acabe facendo medicina de complacencia, postergando a prevención e promoción da saúde”, denuncian os socialistas

Ourense, 10 de decembro de 2018. O PSdeG-PSOE levará ó próximo pleno de decembro da Deputación de Ourense, os incontables recortes que o PP está a aplicar nos servizos médicos de atención primaria de toda a provincia desde hai anos, pero que se agudizaron nos últimos tempos. Unha vez máis denuncian un salvaxe carrusel de recortes e rebaixas que están a desmantelar un dos servizos básicos que as administracións públicas deben ofrecer ós veciñas e veciñas con calidade plena. Os socialistas salientan que estamos ante unha “estratexia de derribo” que ten como últimas consecuencias, o abandono das persoas máis necesitadas da sociedade, e o despoboamento de todas as comarcas do rural ourensán.

A moción reclama esixir á Xunta de Galicia que incremente os recursos humanos en atención primaria, e que se implemente unha mellor planificación desta atención nas zonas rurais de Ourense, de forma que se distribúan os recursos humanos dun xeito plenamente eficiente, e os profesionais poidan desenvolver a súa función de prevención e promoción da saúde adecuadamente. Tamén insta a que a Deputación apoie as demandas aprobadas pola corporación municipal do Concello de Rubiá, nas que se detallan a pésima situación que están a sufrir os habitantes deste municipio pola falta total de investimento nos servizos médicos.

Hai uns meses e tamén a instancia do PSdeG-PSOE, a Deputación xa analizou a mala situación da atención pediátrica en varios concellos do rural, unha situación moi semellante á que se vive na atención ós adultos en varios centros de saúde. O portavoz do grupo provincial socialista, Francisco Fraga, salienta que “estas dúas situacións non son novas nin descoñecidas para a meirande parte da poboación rural desta provincia, que se ve inmersa nun círculo sen fin no que a perda de poboación conleva á perda de servizos básicos, e ausencia destes impide o asentamento de habitantes”. “Hai que facerlle fronte a esta estratexia de derribo do PP que está a deixar á meirande parte da provincia coma un deserto”, denuncia.

Fraga tamén denuncia que “está sendo demasiado habitual unha mala xestión das ausencias, unha situación que xera unha negativa sobrecarga de traballo ó persoal sanitario que queda no rural”. “O persoal atópase cun alto nivel de esixencia que provoca sobrecarga e estrés porque a administración galega fai unhas promesas ós usuarios e usuarias que son imposibles de cumprir”, destaca. “Esta pésima xestión repercute coma unha maza nas persoas que acoden ós centros médicos e no persoal que traballa neles”, insiste.

A moción que se debaterá o vindeiro día 21 de decembro, detalla un carrusel de eivas e problemas como a mala planificación de todo o sistema sanitario ourensán; unha asimetría dos recursos determinados para o rural; a utilización política do traballo sanitario en beneficio dalgúns; as malas condicións de traballo do persoal sanitario pola falta de tempo e de medios diagnósticos ó seu alcance, unha carencia que provoca unha alta responsabilidade sobre a patoloxía do paciente que, para colmo, non pode resolta.

Os socialistas conclúen que esta situación debe mudar cantos antes, e que a Deputación de Ourense, como organismo intermedio que debe velar polos intereses e o futuro de toda a provincia, debe esixir da Xunta de Galicia mellores servizos, máis coordinación e maior investimento. “Existe unha demanda moi elevada que en ocasións leva á que os profesionais cedan e acabe facendo medicina de complacencia, postergando a tan necesaria prevención e promoción da saúde”, denuncian, unha situación de desleixo e abandono do persoal e dos servizos fronte a que a corporación provincial debe posicionarse.