FONDOS PÚBLICOS POLÍTICA PROVINCIAL

Demandamos discriminación positiva por despoboamento nas subvencións da Deputación de Ourense

O PSDEG-PSOE RECLAMARÁ NO PRÓXIMO PLENO DA DEPUTACIÓN MEDIDAS DE DISCRIMINACIÓN POSITIVA NA BAREMACIÓN DE SUBVENCIÓNS A PROL DA LOITA CONTRA O DESPOBOAMENTO                                                   

Unha moción pretende paliar as eivas derivadas do despoboamento e que se fomente así un desenvolvemento económico e social equilibrado no ámbito rural da provincia

O grupo provincial do PSdeG-PSOE conclúe que a agravada perda de poboación “fai que os solicitantes destes lugares non concorran coas mesmas condicións que outros doutras entidades de carácter urbano”

Ourense, 16 de decembro de 2018. O PSdeG-PSOE reclamará no pleno de decembro da Deputación de Ourense, que terá lugar o vindeiro venres día 21, medidas de discriminación positiva na baremación de subvencións da institución provincial, a prol da loita contra o despoboamento que asola a meirande parte das comarcas ourensás. Unha moción demandará do goberno conservador de Manuel Baltar que, nos criterios e baremos de valoración nas bases destas convocatorias de concorrencia competitiva, se introduzan de inmediato elementos de discriminación positiva, co fin de paliar as eivas derivadas dese despoboamento, e se fomente así un desenvolvemento económico e social equilibrado no ámbito rural da provincia.

Os socialistas explican que o goberno do PP “vén convocando subvencións baixo a modalidade de concorrencia competitiva para concellos ou asociacións veciñais, culturais e deportivas, entre outros destinatarios, ó longo de cada exercicio orzamentario” en cantidades millonarias moi destacadas. Logo do correspondente análise polo miúdo destes procedementos realizado nos últimos anos, conclúese que “moitas das solicitudes pertencen a entidades radicadas en zonas rurais con importantes problemas demográficos”, sendo estas zonas, ademais, “o lugar onde se van desenvolver as actividades ou iniciativas para as que se solicitan esas axudas”.

Ante estes datos, a iniciativa explica que estamos ante “un rural que perde poboación nunha sangría continua que non quere deixar de recibir e desenvolver esas actividades e que se subvencionan mediante estas liñas de axudas públicas” da Deputación de Ourense. E, por iso, o grupo provincial do PSdeG-PSOE conclúe que esta sostida e agravada perda de poboación “fai que os solicitantes destes lugares non concorran coas mesmas condicións que outros doutras entidades de poboación de carácter urbano”, polo que consideran moi necesario introducir novas medidas de discriminación positiva.