Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

A reprobación ilegal do PP contra Alfredo García chega a xuízo

A XUSTIZA DILUCIDA A ILEGALIDADE DEBALTAR Ó NEGAR A REVOGACIÓN DA REPROBACIÓN DO PRESIDENTE DA FEGAMP E ALCALDE SOCIALISTA DO BARCO DECLARADA NULA

 Areprobación declarada nula polo secretario foi adoptada durante un pleno extraordinario convocado pola oposición en agosto de 2017, no que se reclamaba un reparto equitativo dos fondos entre os concellos

Francisco Fraga, dixo hoxe que “esta tropelía de Baltar non pode quedar impune” porque “o alcalde do Barco o único que facía con aquela reclamación era defender os intereses de todos”

Ourense, 3 de decembro de 2018.  O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Ourense acolleu esta mañá, a vista oral do procedemento no que se vai dilucidar a ilegalidade cometida por Manuel Baltar,tras reprobar a Alfredo García, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde socialista do Barco de Valdeorras, un acordo plenario declarado nulo de pleno dereito polo secretario da Deputación Provincial. O caso chegou á vía xudicial logo dun recurso presentando conxuntamente polo PSdeG-PSOE e por Democracia Ourensana (DO), trala negativa dos conservadores do PP a revogar a súa decisión.

Informe secretario reprobacion Alfredo Garcia
Informe do secretario sobre a reprobación de Alfredo Garcia

A reprobación declarada nula polo secretario, foi adoptada durante un pleno extraordinario convocado a instancias da oposición en agosto de 2017, no que se reclamaba a implantación dun plan único para o reparto obxectivo dos fondos provinciais entre todos os concellos. Naquela sesión, o PP modificou a orde do día para introducir á forza a reprobación de Alfredo García e desviar así a atención, un procedemento expresamente prohibido pola regulación vixente. Meses despois, o PP envolveuse novamente na súa ilegalidade e negouse, no pleno ordinario celebrado o 27 de outubro de 2017, a aceptar a urxencia dunha solicitude de revogación da reprobación solicitada polo PSdeG-PSOE, seguindo así as indicacións do secretario da institución contidas no extenso informe que, para colmo, foi criticado polos conservadores.

Declaracións de Francisco Fraga, Alfredo García e Armando Ojea

O portavoz do grupo provincial socialista, Francisco Fraga, dixo hoxe nos xulgados que “esta tropelía de Baltar non pode quedar impune” porque “o alcalde do Barco o único que facía con aquela reclamación era defender os intereses de todos os veciños e das veciñas”. “O presidente non pode cambiar ó seu gusto a orde do día dun pleno extraordinario cando o tema non lle gusta, unha manobra moi socorrida para desviar a atención dos temas que non lle gustan”, explicou antes de recordar que “o presidente da Deputación de Ourense segue a repartir os fondos públicos de todos e todas a dedo, unicamente en base ós seus interesespersoais e políticos”.

“Non sei que pinto aquí porque eu non formo parte do pleno da Deputación”, afirmou Alfredo García –que foi chamado como testemuña– antes de recordar que ía explicar todo o que lle preguntasen durante a vista. O alcalde do Barco e presidente da Fegamp salientou que o único que fixo foi “reclamar un reparto equitativo dos fondos públicos, como fago todos os días coa Xunta de Galicia, e porque a Deputación de Ourense é a única que non o fai así”. Pola súa banda, o deputado provincial de DO, Armando Ojea, asegurou ós medios que estamos ante “un eufemismo ó que chaman emenda de substitución” pero realmente “foi un capricho de neno pequeno para dicir eu ateño máis grande para votar xusto o contrario do que viñamos a falar”. “Primeiro démoslle ó PP a oportunidade de revogar aquela decisión, pero como se mantiveron erre que erre, tivemos que vir ó xulgado”, concluíu.