DEREITOS SOCIAIS INICIATIVAS

Os socialistas denuncian que a deputada do PP, Montse Lama, ridiculiza a loita contra a violencia de xénero

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE O PP DE OURENSE IGNORA ENTRE RISAS E BANALIZACIÓNS A VIOLENCIA DE XÉNERO Ó NEGAR O SEU APOIO A CAMPAÑAS CONTRA ESTE PROBLEMA                                                                              

A deputada do PP, Montserrat Lama, enlodou o debate falando de ‘asalto á Moncloa’, banalizou o problema con sorrisos e chegou a decirlle ó pleno: “pregúntalle ó meu marido o feminista que son”

A portavoz socialista, Susana Rodríguez, denunciou que “este tema non merece esas descualificacións vergoñentas ou desviar a atención” porque “estamos ante un problema moi grave de asasinatos”

Ourense, 30 de novembro de 2018. O PSdeG-PSOE denuncia que o PP de Ourense ignorou hoxe “con catro sinxelos pasos”, segundo as súas propias palabras e coma se este importante problema fose unha receita de empanada, apoiar a loita contra a violencia de xénero, ó negar, entre sorrisos e banalizacións, o seu apoio á campaña ‘en negro contra as violencias’. Os conservadores da Deputación de Ourense, nunha nova mostra de absoluta falta de sensibilidade e alardeando cunha actitude de desprestixio moi desafortunada, criticaron a campaña da que xa forman parte máis de 6.000 axentes colaboradores, un cento de concellos e as outras tres deputacións galegas, e que é unha gran acción colectiva de sensibilización social.

A viceportavoz socialista, Susana Rodríguez, manifestou que “estamos ante un asunto moi serio como para que desvíen a atención”. “É moi triste que o PP se saia do tema ante un problema tan duro que remata con tantos asasinatos”, dixo indignada á bancada conservadora. “Este problema non merece esas descualificacións ou desviar a atención tan vergoñentamente”, denunciou Rodríguez logo da intervención da deputada popular, Montserrat Lama, que, no lugar de falar da loita contra estas violencias, fixo brincadeiras sobre a relación do PSOE coa monarquía, a moción de censura no Congreso, un suposto ‘asalto á Moncloa’, e incluso ridiculizou a realidade da violencia machista ó asegurar, sorrindo, que a simple réplica parlamentaria dun deputado do PSdeG-PSOE era violencia de xénero. Lama, na súa pésima estratexia de enlodar todo o debate, chegou a asegurar á viceportavoz socialista: “eu son máis feminista que vostede, pregúntenlle ó meu marido o feminista que son”.

Susana Rodríguez
Susana Rodríguez durante a súa intervención

“Estamos ante un problema moi grave e isto é unha asignatura pendente que non merece esta situación e estas palabras. Hai que crer nas mulleres”, concluíu Rodríguez, logo de sinalar a súa “gran decepción” pola actitude do Partido Popular de Ourense e da deputada Lama en particular.

A moción do PSdeG-PSOE tamén reclamaba que o pleno provincial instase ó Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), ó Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e á Audiencia Provincial, a crear de inmediato a Comisión Provincial de Violencia de Xénero de Ourense. Este organismo –un dos primeiros do Estado do seu tipo– que o CXPX pretende crear en todas as provincias, aglutinaría ás institucións con competencias neste tipo de delitos, e permitiría unha maior coordinación e eficacia na loita contra estas violencias. Pero o PP, ademais de ridiculizar a loita contra a violencia machista e as mulleres e cativos afectados, tamén rexeitou poñer en marcha este órgano e, polo tanto, máis medios moi necesarios contra esta lacra.