Demografía INICIATIVAS

O PP de Ourense ignora a crise demográfica

O PSdeG-PSOE denunciou que a “realidade palmaria é que os criterios sobre a demografía non se aplican” porque “o despoboamento se combate con cartos e non con outros cargos do presidente”

Os conservadores colocáronse de costas ante o importante desmantelamento que a Xunta de Galicia está a aplicar na atención sanitaria dos centros de saúde da provincia

Ourense, 21 de decembro de 2018. O PP impediu  que a Deputación de Ourense considere o salvaxe despoboamento que afecta á meirande parte da provincia, como un factor determinante no reparto de subvencións da institución provincial, tal e como solicitaban os socialistas nunha moción debatida durante o pleno de decembro. O texto demandaba que nos criterios e baremos de valoración das bases destas convocatorias de concorrencia competitiva se introduzan elementos de discriminación positiva, co fin de paliar as eivas derivadas dese despoboamento, e se fomente así un desenvolvemento económico e social equilibrado no ámbito rural da provincia.

O PSdeG-PSOE defendeu a necesidade destas medidas de discriminación positiva contra o despoboamento que asola a meirande parte das comarcas ourensás. A portavoz, Elvira Lama, dixo que “é momento de actuar desde o terreo ante un mal endémico” porque “non reclamamos nada extraño”. “Se a despobación do rural nos entretivo tanto tempo e por fin xa está na axenda política”, matizou que “é momento para preguntarlles ós alcaldes do rural que son os que mellor saben o que está a suceder”. Lama denunciou que “a realidade palmaria é que os criterios sobre demografía non se están a aplicar correctamente”, antes de salientar que desde que Baltar Blanco é presidente, a provincia perdeu máis de 25.000 habitantes e máis de 80.000 ourensáns emigraron, xa que “o despoboamento se combate con cartos e non con cargos do presidente da Deputación noutros organismos”.

Os socialistas explicaron como o goberno provincial “vén convocando subvencións por concorrencia competitiva para concellos ou asociacións ó longo de cada exercicio orzamentario”, en cantidades millonarias moi destacadas. Logo do correspondente análise destes procedementos, conclúese que “moitas das solicitudes pertencen a entidades radicadas en zonas rurais con problemas demográficos”, sendo estas zonas, ademais, “o lugar onde se van desenvolver as actividades ou iniciativas para as que se solicitan esas axudas”, e sen embargo, os agraciados son case sempre “só os amigos de Baltar”.

O PP ponse de costas ante os recortes na sanidade

No mesmo pleno, o PP de Ourense colocouse de costas ante o importante desmantelamento que a Xunta de Galicia está a aplicar na atención sanitaria dos centros de saúde da provincia, tal e como evidencian as intensas queixas de todos os profesionais galegos durante as últimas semanas. Os socialistas enumeraron un carrusel de recortes e rebaixas, que están a desmantelar un dos servizos básicos que as administracións públicas deben ofrecer ós veciñas e veciñas, pero no lugar de aprobar a clara e concisa moción impulsada polo PSdeG-PSOE, o goberno conservador optou, unha vez máis, por presentar unha emenda de substitución.

A deputada, Isabel Gil, asegurou que “de nada vale que se apliquen moitos programas novos cunha carencia absoluta de orzamentos e recursos, unha situación que que provoca unha merma da calidade da atención”. “A mellor ferramenta dos médicos de atención primaria é o tempo, e precisamente iso é o que non teñen porque a sobrecarga asistencial afecta ó seu traballo”, denunciou antes de salientar que a maior burocracia tamén supón unha rebaixa da asistencia efectiva. “Estamos ante unha estratexia de derribo que ten como últimas consecuencias o abandono das persoas necesitadas e o despoboamento do rural”, denunciaron os socialistas. Un problema de recortes que o propio persoal sanitario está a axitar intensamente nos últimos días, logo de provocar a Xunta situacións insostibles que Gil trasladou ó pleno da Deputación, mediante a lectura dun comunicado redactado polos profesionais sanitarios de atención primaria de Ourense.

Finalmente os socialistas aceptaron a emenda presentada polo PP coa condición de que se cambiase o termo “ferramentas” pola palabra “orzamentos”. O texto aprobado insta á Xunta de Galicia a desenvolver un novo modelo de atención primaria coa máxima representación de todos os profesionais, que dea resposta ós retos de envellecemento profesional e falla de especialistas. Tamén insta á Consellería de Sanidade a avanzar cara un modelo máis proactivo, no que os profesionais dispoñan dos orzamentos necesarios para atender ós pacientes.

A moción do PSdeG-PSOE que Baltar tapou coa emenda, reclamaba esixir á Xunta que incremente os recursos humanos en atención primaria, e que se implemente unha mellor planificación desta atención nas zonas rurais, de forma que se distribúan os recursos humanos dun xeito plenamente eficiente, e os profesionais poidan desenvolver a súa función de prevención e promoción da saúde adecuadamente. Tamén instaba o apoio ás demandas aprobadas pola corporación municipal do Concello de Rubiá, nas que se detallan a pésima situación que están a sufrir os neste municipio pola falta total de investimento nos servizos médicos.