Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG-PSOE pedirá responsabilidade patrimonial para que o PP pague do seu peto os caprichos de Baltar

O PSDEG-PSOE SOLICITARÁ UN EXPEDIENTE DE RESPONSABILIDADE PATRIMONIAL PARA QUE OS DEPUTADOS E DEPUTADAS DO PP PAGUEN Ó XUÍZO DA REPROBACIÓN ILEGAL DE ALFREDO GARCÍA

Os socialistas defenden así os intereses reais dos veciños e veciñas de Ourense, fronte os “caprichos e pataletas” de Manuel Baltar malgastando fondos públicos

Elvira Lama dixo que a reprobación “foi un ataque realizado con prepotencia e chulería” porque “o que lle molesta ó PP é que destapemos a arbitrariedade coa que reparten os fondos públicos”

Ourense, 21 de decembro de 2018. O PSdeG-PSOE anunciou durante o pleno ordinario de decembro da Deputación Provincial, que vai solicitar a tramitación dun expediente de responsabilidade patrimonial, para que os deputados e deputadas do PP paguen do seu peto as costas do xuízo que tombou a reprobación ilegal de Alfredo García, presidente da Fegamp e alcalde do Barco de Valdeorras. Ó solicitar este procedemento recollido nas leis 39 e 40 de 2015, os socialistas defenden os intereses reais dos veciños e veciñas de Ourense, fronte os “caprichos” e “pataletas” de Manuel Baltar que malgastan cartos públicos. Os socialistas tamén estudarán volver ós tribunais. 

Baltar insistiu na súa torticeira táctica de desviar a atención sobre os temas que realmente importantes, e impulsou unha nova reprobación sen efecto práctico ou legal algún. A portavoz socialista, Elvira Lama, dixo que estas reprobacións son “un ataque realizado con prepotencia e chulería atacando á lexislación vixente”, porque “o que lle molesta ó PP é que destapemos a arbitrariedade coa que esta deputación reparte os fondos públicos”, xa que estamos ante unha “pataleta infantil para desviar a atención do plan único”. “Este ataque é inxusto porque a Fegamp co actual presidente, pero tamén con anteriores, sempre reclamou este plan”, salientou antes de recordar que “a sentenza que anula o capricho de Baltar crea desprestixio” para a Deputación.

Lama insistiu en que “o PP violentou as normas para desviar a atención metendo con calzador unha cuestión ilegal que o PP non quixo corrixir”. Tamén denunciou que “os servizos xurídicos non están para contraprogramar á oposición”, logo de detallar como o último informe do secretario da institución foi difundido polo PP –que non solicitara nada– mediante un comunicado de prensa, antes de que fora notificado ós grupos da oposición que o solicitaran.