CORRUPCIÓN POLÍTICA PROVINCIAL

Baltar négase a comparecer en comisión para explicar a compra de alcaldes doutros partidos

BALTAR INVENTA UN “ERRO BUROCRÁTICO” DA DEPUTACIÓN CO FIN DE TORPEDEAR A SÚA COMPARENCENCIA PARA EXPLICAR A COMPRA DE ALCALDES DOUTROS PARTIDOS CON FONDOS DA DEPUTACIÓN

Primeiro o PP aludiu a un suposto erro dos funcionarios para excluir a solicitude da orde do día da comisión, e logo tombou a comparecencia do presidente da Deputación co seu rolete de maioría absoluta

Ignacio Gómez dixo que a compra de alcaldes é unha evidencia que o propio PP anuncia e, tras tombar a solicitude, destacou que “isto é unha comisión de transparencia que non é transparente”

Ourense, 13 de febreiro de 2019. Manuel Baltar inventou un “erro burocrático” para non comparecer en comisión, co fin de explicar a compra de alcaldes e alcaldesas doutros partidos con fondos da Deputación de Ourense. Os socialistas reclamaron en tempo e forma a comparecencia do presidente da Deputación Provincial na comisión informativa de Transparencia e Administración que tivo lugar esta tarde, pero primeiro o PP aludiu a un suposto erro dos funcionarios, e logo tombou a comparecencia co seu rolete de maioría absoluta por ser “unha mera especulación carente de fundamento”.

anuncio_baltar_san_xoan_De_rio
Anuncio da ‘fichaxe’ do alcalde de San Xoán de Río

Os populares alegaron nun informe que “debido a un erro burocrático, o escrito non foi remitido dende a Oficina do Rexistro ao Negociado de Secretaría Xeral ata o día 8 de febreiro, ás 14 horas e 3 minutos, cando a sesión ordinaria da comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial correspondente ao mes de febreiro xa fora convocada”. A solicitude foi rexistrada dous días antes, en tempo e forma. Este ‘erro’, casualmente, impediu que a comparecencia fose incluída na orde do día polo que tivo que ser tratado pola vía da urxencia.

Nese informe, o PP xa argumentaba que “non é certo que se estean utilizando recursos públicos da Deputación Provincial para a captación de candidatos para o Partido Popular nas vindeiras eleccións municipais (sendo as afirmacións da portavoz do Grupo do PSdeG–PSOE unha mera especulación carente de fundamento, e que nin sequera se motiva no seu escrito)”, unha conclusión coa que procederon directamente á desestimación da petición.

Durante a sesión da comsión, os conservadores afirmaron “negar a maior” sobre esta evidente práctica. Pola súa banda, o deputado socialista, Ignacio Gómez, replicou que “nós non podemos seguir tolerando esta situación e imos ter que pedir que esta comisión desapareza porque non ten sentido que esteamos aquí todos os meses para que logo o presidente non veña nunca”. “Isto é unha comisión de transparencia que non é transparente”, dixo.

“Non entendemos este comportamento do PP, pero iso de negar a maior cando vostedes mesmos anuncian as fichaxes de alcaldes e alcaldesas antes de celebrar as eleccións… pois nós negamos a maior desa negación”, aseverou Gómez antes de insistir que “estamos ante unha evidencia”. Os socialistas recordaron que “estes comportamentos atentan contra os principios democráticos máis básicos e contra códigos de ética como é o Pacto Antitransfuguismo” do que o PP forma parte, e destacan que estas “operacións de captación de alcaldes e alcaldesas teñen lugar de cara a unhas eleccións municipais que decidirán quen será o próximo presidente da Deputación”.