INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Fóra honras a condenados por sentenza firme

I

O PSDEG-PSOE DEMANDARÁ QUE A DEPUTACIÓN E OS MUNICIPIOS DE OURENSE RETIREN SÍMBOLOS, OBXECTOS E NOMES QUE HONRAN A CARGOS PÚBLICOS CONDENADOS POR SENTENZA FIRME

O código ético da Deputación e o Consello de Europa reclaman eludir accións ou omisións que poidan prexudicar nin sequera minimamente a imaxe institucional e demandan restaurar un clima de confianza

Resulta obvio que unha condena firme, por exemplo, por prevaricación continuada, supón un obvio menoscabo dos intereses públicos e da imaxe das institucións, estando o autor tanto de corpo presente como de corpo ausente en forma de recoñecemento honorífico ”, destacan

Ourense, 11 de febreiro de 2019. O PSdeG-PSOE demandará que a Deputación e os municipios da provincia de Ourense retiren símbolos, obxectos de calquera tipo, e denominacións de espazos e lugares públicos, nos que figure ou que honren a cargos electos condenados por sentenza firme. Mediante unha moción que se debaterá no pleno ordinario do mes de febreiro, reclaman que as administracións públicas ourensáns, como xa se fixo noutras comunidades autónomas, se poña á cabeza de Galicia na defensa da honorabilidade das institucións, e supriman estas loas que supoñen un descrédito para as institucións e para a política en xeral.

A moción explica que estes recoñecementos “impiden ser referencia ética pública e minan profundamente a confianza nas institucións”. A súa permanencia no tempo logo da sentencia firme condenatoria, insisten, “indubidablemente supón incorrer en omisións que prexudican a imaxe institucional, contravindo ó propio código ético da Deputación e á regulación aprobada polo Consello de Europa neste mesmo sentido”. E que precisamente a propia Deputación ourensá regulou no ano 2014, nun extenso código ético e  de boas prácticas, a defensa da institución pública ante estas deplorables situacións.

O PSdeG-PSOE de Ourense detalla na moción que, o mantemento destes recoñecementos choca frontalmente contra principios que os cargos públicos da Deputación “desenvolverán activamente” na súa acción e que figuran amplamente descritos nestes códigos, entre outros, “non deberán conducir a súa conduta de tal modo que poida prexudicar a imaxe ante a cidadanía ou a afectar a súa reputación institucional”. “Resulta obvio que unha condena firme, por exemplo, por prevaricación continuada que supón un obvio menoscabo dos intereses e recursos públicos, e da imaxe das institucións, prexudica ás administracións estando o autor ou autora do delito, tanto de corpo presente como de corpo ausente en forma de recoñecemento honorífico”, salientan. 

Encabezamento da moción do PSdeG-PSOE

Os socialistas recordan que normativas vixentes de institucións españolas e europeas recollen expresamente este mesmo proceder, indicando que se garantirá que os recoñecementos honoríficos ou conmemorativos recaian só en persoas dun compromiso público relevante, que en ningún caso fosen condenadas penalmente por sentenza firme. A iniciativa defende que “chegou o momento de, efectivamente, comprometerse e afondar na defensa da honorabilidade das institucións con accións concretas” como esta.

De feito, o código ético e de boas prácticas indica que será a referencia de conduta a seguir para todas as persoas que forman parte da Deputación porque “ao ser o espello no que se mira a cidadanía, deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera minimamente a imaxe institucional da Deputación, e minar a confianza dá cidadanía na institución”, algo que está a suceder na actualidade coa existencia de honras deste tipo por toda a provincia.

E por iso, nas súas propostas de acordo, a moción do PSdeG-PSOE de Ourense demanda “retirar calquera símbolo, placa, cadro, busto, estatua; denominación de vía, espazo, lugar, celebración ou evento público; e calquera outro elemento, obxecto ou denominación de carácter análogo ós detallados, que supoñan recoñecementos honoríficos ou conmemorativos a deputados, deputadas, presidentes e presidentas da Deputación Provincial, que fosen condenados mediante sentenza firme por delitos contra a Administración Pública, corrupción ou outros tipos delictivos recollidos no Código Penal”. Tamén insta a que o mesmo acordo se adopte nas entidades locais da provincia de Ourense con respecto ós seus cargos electos.

Así mesmo pide “desposuír de honras, condecoracións e recoñecementos ós concelleiros, concelleiras, deputados, deputadas, e presidentes e presidentas das entidades locais e da corporación da Deputación Provincial, que fosen condenados mediante sentenza firme por delitos contra a Administración Pública, corrupción ou outros tipos delictivos recollidos no Código Penal”.P