O PP TOMBA O DEBATE DA MOCIÓN SOCIALISTA QUE PIDE RETIRAR SÍMBOLOS, OBXECTOS E NOMES QUE HONRAN A CARGOS PÚBLICOS CONDENADOS POR SENTENZA FIRMA CUNHA ESCUSA BUROCRÁTICA
Ignacio Gómez denunciou que “non pode ser que se coarte así a liberdade dun grupo político para realizar o seu traballo de oposición e a liberdade de expresión”
Ante as mentiras do PP, o deputado do PSdeG-PSOE recordou que o texto en ningún momento fai referencia a persoas concretas, polo que afectaría a calquera cargo público de calquera partido
Ourense, 13 de febreiro de 2019. O PP tombou o debate da moción socialista que reclama retirar obxectos, símbolos e nomes que honran a cargos públicos condenados por sentenza firme, cunha escusa burocrática coa que limitou o libre traballo da oposición. Durante a sesión da comisión provincial informativa de Transparencia e Administración que tivo lugar esta tarde, os conservadores alegaron que a moción foi rexistrada fóra de prazo, unha afirmación rotundamente falsa, posto que a data límite para rexistrar mocións para o pleno ordinario de febreiro era o venres día 8 e a iniciativa foi rexistrada a unha e media da tarde do día 8, en tempo e forma. Logo desta escusa burocrática, o PP tamén negou a súa inclusión na orde do día pola vía da urxencia e, polo tanto, non poderá ser debatida no pleno ordinario.
O deputado do PSdeG-PSOE, Ignacio Gómez, denunciou que “non pode ser que se coarte así a liberdade dun grupo político para realizar o seu traballo de oposición e a liberdade de expresión”. “A este paso imos ter que rexistrar as mocións o día 1 de cada mes”, ironizou antes de asegurar que o Partido Popular “está acostumado a facer o que lle da a gana nos concellos coa súa maioría absolutísima pero nós, que somos realmente demócratas, estamos encantados de debater isto ou calquera outra cousa que propoñan con todos vostedes”.
Gómez sinalou que a iniciativa que o PP nega “é unha moción que nos dignifica a todos”, e destacou que “non poderán negar a liberdade do Partido Socialista”, polo que, dixo, “como non podemos tolerar esta actitude, teremos que tomar outras medidas”. “Acabarán por prohibirnos entrar no pleno”, ironizou novamente.
Ante as mentiras do portavoz do grupo do Partido Popular, Plácido Álvarez, que alegou que a moción realmente só busca atacar ó expresidente do PP da Deputación, José Luis Baltar, o deputado Gómez recordou que o texto da iniciativa socialista, que non poderá ser debatida na sesión ordinaria, en ningún momento fai referencia a persoas concretas, polo que afectaría a calquera cargo público de calquera partido ou formación política. “O fondo é oportunista” chegaron a afirmar os populares ós que, segundo esta conclusión, polo visto, lles parece fantástico que persoas condenadas pola xustiza e que atentaron contra a honorabilidade das administracións, institucións e cargos públicos, sexan honradas con vítores e loas por toda a provincia.

