INICIATIVAS SERVIZOS PÚBLICOS

O PP veta a atención 24 horas ós infartos en Ourense

O PP BLOQUEA NOVAMENTE O SERVIZO DE HEMODINÁMICA 24 HORAS NO CHUO E CONDENA ÓS OURENSÁNS Á MARXINACIÓN A PESAR DE LIDERAR AS MORTES POR INFARTO

“Non se escondan debaixo de estatísticas e rexistros innecesarios unha e outra vez, señores do PP, porque onde non queren estar os e as ourensáns é no rexistro de defuncións”, denunciou Elvira Lama

Os socialistas tamén defenderon o proxecto de lei de orzamentos xeráis do Estado para 2019 ante mocións oportunistas, propagandísticas e xa caducas de DO e BNG

Ourense, 22 de febreiro de 2019. O PP volve vetar e bloquear a implantación dun servizo de hemodinánica as 24 horas do día no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), e condena ós e ás ourensáns á marxinación, a pesar de liderar as mortes por infarto de miocardio entre as provincias de Galicia. Os conservadores tombaron cunha emenda de substitución, unha moción do PSdeG-PSOE na que se pedía ó pleno provincial, que instase á Xunta á fin do perigoso arrinconamento ó que teñen sometidos ós e ás doentes da provincia, logo de que este servizo comezase a funcionar continuadamente en Lugo esta semana.

Con esta emenda volveron aludir a estudos innecesarios que atrasan deliberadamente o servizo, que evitaría que os e as ourensáns morran porque, segundo o PP, só pode infartar en horario comercial. Fronte a esta vergoñenta actitude , os datos destacados polos socialistas revelaron novamente que Ourense lidera a taxa de mortaldade por cada 100.000 habitantes, cunha porcentaxe do 59,7, a maior das provincias galegas e a cuarta máis alta de todo o Estado. Esta cifra sitúa á provincia 27 puntos por riba da media estatal.

A voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, asegurou ante este veto que “xa é a segunda vez que demandamos que a Deputación de Ourense se poña da man dos e das ourensáns e non só xunto o PP, que nós pretende enganar con estudos innecesarios”. “Non se escondan debaixo de estatísticas e rexistros innecesarios do Regaliam unha e outra vez, señores do PP, porque onde non queren estar os e as ourensáns é no rexistro de defuncións”, denunciou Lama, que tamén destacou que “aquí só hai una taxa que importa realmente: a dos que viven ou morren”.

“O PP condena ós ourensáns a morrer”, insistiu a portavoz socialista antes de preguntar irónicamente ós conservadores se “a vida humana dun infartado é un despilfarro”, ante as súas recurrentes xustificacións para bloquear a implantación deste servizo prioritario, solicitada en incontables ocasións na Deputación de Ourense e no Parlamento de Galicia. “A eficiencia na xestión está en salvar ou non a vida do infartado”, detallou Lama antes de encomendar ó vicepresidente da institución, Rosendo Fernández, a “dicirlle á cara ás persoas que perderon a un familiar que vostedes non fixeron o suficiente para ter esta unidade en Ourense como xa teñen en Lugo”.

rueda prensa hemodinamica CHUO
Presentación da iniciativa socialista ante o Hospital Universitario de Ourense

Os socialistas denunciaron ademais os recortes do Partido Popular que teñen en pé de guerra a todo o sector sanitario, con protestas e folgas na atención primaria, nas urxencias hospitalarias ou nas ambulancias. “Vostedes, señores do PP, son os culpables de todas as deficiencias da sanidade na provincia, e isto non é unha denuncia nosa, porque é algo que lles están a dicir os pacientes e profesionais sanitarios”, indicou Lama que tamén recordou que Núñez Feijóo preferiu estar en Madrid facéndose unha foto coa estrema dereita, no lugar de atender ás demandas dos galegos que se manifestaron en Santiago. “O PP é cómplice das mortes pola súa nefasta xestión”, insistiu.

Orzamentos do Estado

Durante o pleno da Deputación, os socialistas tamén defenderon o proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado para 2019, polo Goberno central do PSOE que, recentemente, foi rexeitado no Congreso sen ser debatidos ou emendados parcialmente. A pesar desa situación, BNG e Democracia Ourensana, incomprensiblemente, decidiron manter as súas respectivas mocións oportunistas, propagandísticas e xa caducas.