INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG-PSOE impulsa un pleno extraordinario para obrigar á Deputación de Ourense a retirar honras a persoas condenadas

O PSDEG-PSOE IMPULSA UN PLENO EXTRAORDINARIO NA DEPUTACIÓN DE OURENSE CO FIN DE APROBAR A RETIRADA DE HONRAS A PERSOAS CONDENADAS XUDICIALMENTE EN FIRME

Elvira Lama e Rafael Rodríguez Villarino explicaron que estes recoñecementos impiden ser referencia ética e minan profundamente a confianza nas institucións públicas e na política

Na mesma solicitude tamén se insta ó debate e votación sobre a compra de alcaldes e alcaldesas doutros partidos, que o PP ourensán está a executar desde a Deputación Provincial

O goberno do PP ten 15 días hábiles para convocar a sesión e se Baltar non firma a convocatoria, o pleno quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte ó da finalización do prazo

Ourense, 25 de febreiro de 2019. O PSdeG-PSOE vén de rexistrar unha solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario na Deputación de Ourense, co fin de aprobar a retirada de símbolos, obxectos, e denominacións de espazos e lugares públicos, nos que figure ou que honren a cargos electos condenados por sentenza firme, logo de bloquear o PP o debate desta importante iniciativa no pleno ordinario de febreiro celebrado o pasado venres e tamén nas comisións informativas previas. Nunha comparecencia ante o rexistro xeral, os socialistas explicaron que esta é a única fórmula que lles resta para forzar un debate fundamental que permita devolver a honorabilidade á institución.

Segundo a lexislación vixente, o goberno provincial do Partido Popular ten 15 días hábiles para convocar a sesión extraordinaria. Se Baltar non firma a convocatoria para a celebración nese prazo, o pleno quedará automaticamente convocado para o décimo día hábil seguinte ó da finalización de dito prazo.

A portavoz do grupo provincial socialista, Elvira Lama, dixo que esta sesión extraordinaria “é a única vía que nos queda para debater estes asuntos, porque o presidente se nega en rotundo a que estes temas sexan tratados no pleno ordinario e nas comisións”. “Xa estamos cansos de que as administracións públicas se vexan prexudicadas por estas situacións e, polo tanto, é hora de repoñer a honorabilidade”, destacou Lama antes de matizar que “efectivamente na teoría e tamén na práctica, a moción ten que ver co pai de Baltar, pero nós non temos culpa de que fora inhabilitado nin el nin outros alcaldes e alcaldesas de todos os partidos”. “A política é un exercicio lexítimo e dignificante polo que xa é hora de que recuperen o pulo, o brillo, e a credibilidade que nos está a roubar unha saga familiar que xe chama Baltar”, insistiu.

Audio coas declaracións de Elvira Lama e Rafael Rodríguez Villarino

O PSdeG-PSOE resalta que estes recoñecementos “impiden ser referencia ética pública e minan profundamente a confianza nas institucións”, xa que a súa permanencia “indubidablemente supón incorrer en omisións que prexudican a imaxe institucional, contravindo ó propio código ético da Deputación e á regulación aprobada polo Consello de Europa neste mesmo sentido”. Así mesmo recordan que normativas vixentes de outras institucións españolas e europeas recollen expresamente este mesmo proceder. Na mesma solicitude tamén se insta ó debate e votación sobre a compra de alcaldes e alcaldesas doutros partidos, que o PP ourensán está a executar, incumprindo o pacto antitransfuguismo e actuando como “un mercenario da política”, denunciou a voceira socialista.

Rafael Rodríguez Villarino e Elvira Lama rexistrando a solicitude

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, asegurou que estamos ante “unha cuestión de ética, de moral, pero tamén de estética” que o PP bloquea “porque teñen medo a verse a si mesmos”. “Este organismo nunca representou á provincia. É un trampantojo, unha aparencia que se vai a desvanecer porque a exemplaridade ten que chegar a esta deputación a e esta provincia, para que sexa coñecida pola ética e pola estética”, dixo Rodríguez Villarino antes de concluír aseverando que “é a hora da verdade e de cambiar as cousas”.

Nas propostas de acordo, a moción demanda “retirar calquera símbolo, placa, cadro, busto, estatua; denominación de vía, espazo, lugar, celebración ou evento público; e calquera outro elemento, obxecto ou denominación de carácter análogo ós detallados, que supoñan recoñecementos honoríficos ou conmemorativos a deputados, deputadas, presidentes e presidentas da Deputación Provincial, que fosen condenados mediante sentenza firme por delitos contra a Administración Pública, corrupción ou outros tipos delictivos recollidos no Código Penal”. Tamén insta a que o mesmo acordo se adopte nas entidades locais da provincia de Ourense con respecto ós seus cargos electos.

Así mesmo pide “desposuír de honras, condecoracións e recoñecementos ós concelleiros, concelleiras, deputados, deputadas, e presidentes e presidentas das entidades locais e da corporación da Deputación Provincial, que fosen condenados mediante sentenza firme por delitos contra a Administración Pública, corrupción ou outros tipos delictivos recollidos no Código Penal”.

Juan Carlos Francisco Elvira Lama Rafael Rodríguez Adolfo González
Juan Carlos Francisco Rivera, Elvira Lama, Rafael Rodríguez Villarino, e Adolfo González ante os medios de comunicación