INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Baltar presume na Deputación de mercadeo de alcaldes e de incumprir o pacto antitransfuguismo

OS SOCIALISTAS RECLAMARON O CUMPRIMENTO DO PACTO ANTITRANSFUGUISMO LOGO DE DENUNCIAR QUE BALTAR ESTÁ A EMPREGAR MILLÓNS DE EUROS PÚBLICOS PARA FICHAR A ALCALDES E ALCALDESAS

O PSdeG-PSOE reclamou o cumprimento do pacto antitransfuguismo, logo de denunciar reiteradamente que, Manuel Baltar está a empregar millóns de euros públicos da institución para fichar a alcaldes e alcaldesas doutras formacións, incumprindo escandalosamente o pacto antitransfuguismo do que o PP forma parte, co único fin de manterse no cargo.

Unha moción debatida nun pleno extraordinario celebrado este mércores 6 de marzo de 2019 e rexeitada pola maioría absoluta de votos dos populares e coa abstención de DO e do deputado pertencente ó grupo de non adscritos, reclamaba que o pleno acordase “tomar todas as medidas para facer efectivo o denominado pacto antitransfuguismo, para que non se utilicen recursos económicos desta institución para premiar ou favorecer ós que participen nestas operacións e entidades que representen, e que se cumpran as medidas do código ético”.

Pleno extraordinario da Deputación

Durante os últimos anos, este proceder serviu para mercar alcaldes e alcaldesas de municipios como Cortegada, A Bola, Rairiz de Veiga, Os Blancos, A Mezquita ou Gomensende, Trives ou Parada de Sil. Os socialistas reclamaron, unha vez máis, que o presidente da Deputación “poña fin de inmediato ó sistema caciquil mercando rexedores a golpe de talonario público”. Elvira Lama, voceira do PSdeG-PSOE na Deputación, destacou que “o PP está levando a cabo diversas operacións de transfuguismo con persoas que se aferran ó cargo”.

A voceira socialista preguntou ironicamente se existe un “plan preconcebido” porque “estas decisións poderán permitir que o presidente da Deputación se manteña no cargo”. “Baltar unta ós alcaldes e alcaldesas con fondos públicos para o seu único beneficio persoal, co único fin de manter os votos do PP no rural da provincia e non perder a Deputación que herdou do seu pai”, denunciaron. “Esiximos ós que venden a súa pel ó demo que deixen o cargo, e esiximos ó que compra a estas persoas que deixe de facelo con fondos públicos”, insistiu a voceira provincial.

“Estamos ante operacións mercantís executadas polo presidente con promesas de investimentos ou colocacións co único ánimo de manterse no cargo”, destacou Lama antes de salientar o “mercadeo” e os “xogos infantís” que “desgastan a confianza nas institucións e nos servidores públicos” e que “destrozan o pouco prestixio que lle queda a esta institución que non é propiedade da familia Baltar”.

Video do pleno extraordinario da Deputación de Ourense