INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PP defende que os corruptos teñan honras por todo Ourense

O PSDEG-PSOE DENUNCIA A “APERTA” DO PP COA CORRUPCIÓN Ó NEGARSE A RETIRAR HONRAS E SÍMBOLOS A PERSOAS CONDENADAS POR SENTENZA FIRME EN OURENSE

“Vostedes que tanto presumen de respectar a lei e a constitución, deberían actuar para poñer a esta institución á cabeza da defensa da honradez desta institución e das entidades locais”, dixo Elvira Lama

Ourense, 6 de marzo de 2019. O PSdeG-PSOE denuncia a “conivencia e a aperta do PP coa corrupción”, ó negarse a retirar honras e símbolos a persoas condenadas por sentenza firme. Durante unha sesión extraordinaria do pleno celebrada esta mañá, os socialistas defenderon aprobar a retirada destes símbolos, obxectos, e denominacións de espazos e lugares públicos, nos que figure ou que honren a cargos electos condenados por sentenza firme, logo de bloquear o PP o debate desta importante iniciativa no pleno ordinario de febreiro e tamén nas comisións informativas previas.

A iniciativa foi rexeitada coa maioría absoluta do PP, a abstención de Democracia Ourensana, e tampouco contou co voto do deputado non adscrito, xa que se atopaba fóra do salón de pleno no momento da votación.

A voceira do grupo provincial socialista, Elvira Lama, asegurou que esta proposta non trata dunha “manía persoal contra o señor José Luis Baltar, pero si contra o que fixo cara esta institución porque foi condenado polos tribunais en firme” e resaltou que non estamos ante un caso único. Así pois, detallou unha longa lista de cargos públicos condenados: José Luis Baltar (expresidente da Deputación e exalcalde de Nogueira de Ramuín); Isaac Vila (exvicepresidente da Deputación e exalcalde de Xinzo); Antonio Pérez (exalcalde de Xinzo); Xosé Xaquín Rodríguez (exalcalde Rairiz de Veiga); Ventura Sierra (exalcalde de Vilariño de Conso); José Antonio Rodríguez (exalcalde de Os Blancos); Manuel Velo (exalcalde de A Merca); Alberto Pardellas (exalcalde de Melón); Senén Pousa (alcalde de Beade); Antonio Rodríguez (alcalde de Montederramo) ou Manuel Cardoso (alcalde de Vilardevós).

Lama destacou que, por exemplo, o concello no que é edil –Xinzo de Limia– “está cheo de placas con nomes de alcaldes condenados que non son modelo de nada” e “para ser servidor público non so hai que presumir de ser honrado; hai que selo”.

“Vostedes que tanto presumen de respectar a lei e a Constitución, deberían actuar para poñer a esta institución e ós concellos á cabeza da defensa da honradez”, dixo Lama antes de recordar que “gobernar é moito máis que envolverse en códigos éticos e comités éticos que dimitiron por unha cuestión que afectaba directamente ó señor presidente”.

Pleno extraordinario da Deputación solicitado polo PSdeG-PSOE

Lama relatou como a Comunidade Valenciana xa retirou estes símbolos e honras a cargos públicos condenados en firme –por exemplo unha expresidenta do seu parlamento ou un expresidente da Deputación de Castellón– logo de ser regulado este proceder na lexislación autonómica e de ser aprobado por unanimidade.

Lama tamén destacou que o regulamento de honras e distincións da propia Deputación de Ourense, aprobado no ano 1995, impide aceptar estas distincións mentres se estea no cargo, algo que, por exemplo, incumpriu o anterior presidente da institución. “Non queren falar disto porque no fondo os avergonza e non lles gusta falar dos seus problemas”, dixo a voceira socialista.

O PSdeG-PSOE explicou que estes recoñecementos “impiden ser referencia ética pública e minan a confianza nas institucións”, xa que a súa permanencia “supón incorrer en omisións que prexudican a imaxe institucional, contravindo ó propio código ético da Deputación e ás normas do Consello de Europa”. “Que lle digan ó expresidente Baltar se empregou esta institución en beneficio propio para que o actual presidente estea no sillón”, destacou Lama.

A moción demandaba “retirar calquera símbolo, placa, cadro, busto, estatua; denominación de vía, espazo, lugar, celebración ou evento público; e calquera outro elemento, obxecto ou denominación de carácter análogo ós detallados, que supoñan recoñecementos honoríficos ou conmemorativos a deputados, deputadas, presidentes e presidentas da Deputación Provincial, que fosen condenados mediante sentenza firme por delitos contra a Administración Pública, corrupción ou outros tipos delictivos recollidos no Código Penal”. Tamén insta a que o mesmo acordo se adopte nas entidades locais da provincia con respecto ós seus cargos electos.

Así mesmo pedía “desposuír de honras, condecoracións e recoñecementos ós concelleiros, concelleiras, deputados, deputadas, e presidentes e presidentas das entidades locais e da corporación da Deputación Provincial, que fosen condenados mediante sentenza firme por delitos contra a Administración Pública, corrupción ou outros tipos delictivos recollidos no Código Penal”.