Denuncias FONDOS PÚBLICOS

Baltar gasta miles de euros da Deputación en viño da adega dun dos candidatos do PP

BALTAR GASTOU 5.000 EUROS PÚBLICOS DA DEPUTACIÓN EN BOTELLAS DE VIÑO DA EMPRESA DO CANDIDATO DO PP EN CASTRO CALDELAS

“Gastar 5.000 euros públicos en viño é un escándalo, pero facelo irregularmente incumprindo os trámites administrativos con único fin de comprar candidatos é indecente”, denuncia Elvira Lama

O PSOE destaca que van “frear estes fastos de viño e rosas de Baltar” e recorda que “os deputados do PP deberán validar no pleno as decenas de botellas de viño compradas ó seu compañeiro de partido”

Ourense, 14 de marzo de 2019. Manuel Baltar comprou centos de botellas de viño por case 5.000 euros públicos da Deputación de Ourense nunha adega da Ribeira Sacra, da que é propietario o novo candidato do PP no concello de Castro Caldelas, César Enríquez ‘Cachín’. O proceder empregado polo presidente da Deputación para este pago foi irregular, e por iso agora deberá abonar ó candidato do seu propio partido eses miles de euros gastados en alcohol, mediante un recoñecemento extraxudicial de crédito que debe aprobar o pleno provincial co voto dos seus compañeiros de siglas.

Imaxe do expediente de recoñecemento extraxudicial de crédito no que se detalla o gasto e o incumprimento da normativa dos orzamentos do ano 2018

Así pois, o presidente provincial comprou o pasado mes de novembro de 2018, centos de botellas de viño por valor de 4.820,64 euros á empresa do candidato do PP incumprindo a base 29 do orzamento da Deputación dese ano, es dicir, vulnerando as fases de xestión do gasto de fondos públicos, segundo se pode comprobar nesas mesas bases do orzamento. Agora, os deputados e deputadas do PP deberán validar esta irregularidade co seu voto persoal no pleno de marzo, co único fin de que o seu compañeiro de filas do municipio de Castro Caldelas cobre a factura do viño.

Os socialistas recordan que os recoñecementos extraxudiciais de crédito son procedementos excepcionais conducentes á conversión de actos que, conforme ó ordenamento xurídico, son nulos de pleno dereito, mais esta invalidez non  exime ás Administracións públicas da obriga de pago adquirida.

A voceira do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, denuncia que “estamos ante un novo escándalo do uso partidista que o PP fai da Deputación de Ourense, comprando alcaldes, alcaldesas e alcaldables a golpe de talonario público”. “Gastar 5.000 euros públicos en viño é un escándalo maiúsculo, pero facelo ademais irregularmente, incumprindo manifestamente os trámites administrativos, con único fin de comprar candidatos para o teu partido é indecente”, destaca Lama antes de asegurar que “estamos seguros de que non é nin o único caso nin o único gasto deste tipo, polo que seguiremos a fiscalizar todos os pagos da Deputación para frear os fastos de viño e rosas de Baltar”. “Cando hai uns días denunciábamos que Baltar unta a alcaldes con euros da Deputación non nos equivocabamos”, recorda a voceira socialista. O vindeiro pleno deberá validar recoñecementos extraxudiciais de crédito por valor de 215.000 euros.

O PSdeG-PSOE denunciou recentemente que o presidente pretende “dopar ó Partido Popular de Ourense mediante unha compra sistemática de votos e vontades, usando os orzamentos da Deputación Provincial e incumprindo as normas pactadas que regulan a decencia política no pacto antitransfuguismo, para o seu beneficio persoal, co fin de manter os votos do PP no rural e non perder a Deputación que herdou do seu pai”. Nos últimos tempos, este proceder permitiulle fichar a rexedores en Cortegada, A Bola, Rairiz de Veiga, Os Blancos, A Mezquita, Gomensende ou San Xoán de Río.

Agora o presidente do PP e da Deputación dálle un novo pulo á súa política caciquil e absolutista, e tamén merca con fondos públicos e base de moito viño, a candidatos para o seu partido”, aseveran. “En Castro Caldelas goberna o PSOE desde hai tempo cunha excelente xestión municipal, polo que esiximos a Baltar que deixe de caciquear cos fondos da Deputación para intentar tapar as miserias do seu partido nos municipios onde non goberna o PP”, conclúe Lama.