INICIATIVAS rural

Reclamamos que Baltar pare o malgasto en propaganda e invista eses cartos no rural

O PSDEG-PSOE ESIXE A BALTAR ABOLIR A SÚA PROPAGANDA ABSOLUTISTA PARA IMPULSAR INVESTIMENTOS NOS MUNICIPIOS AFECTADOS POLA DEBACLE DEMOGRÁFICA QUE ASOLA OURENSE

“Se todos os millóns que Baltar gastou en propaganda para lucir palmito estiveran investidos no rural e non nos petos dos  amigos, de seguro que o rural estaría mellor” , denuncia Elvira Lama

“A nula preocupación do presidente co maior problema de Ourense queda clara no seu programa de goberno 15-19 no que non hai un apartado específico sobre el”, destacan os socialistas

Ourense, 20 de marzo de 2019. O PSdeG-PSOE esixe a Manuel Baltar abolir a propaganda absolutista na que está envolto para contentar ós seus amigos, co fin de adicar eses recursos para impulsar investimentos moi necesarios nos municipios afectados polo desastre demográfico que asola á provincia. Desde que a dereita goberna a Deputación, Ourense perdeu 122.000 habitantes sen que fixeran absolutamente nada para frear esta sangría. Incluso no seu plan de goberno 15-19, o presidente da institución provincial non adica nin un capítulo específico a este grave problema.

Así pois, os socialistas impulsan dúas mocións para o pleno provincial de marzo, nas que poñen o foco nos problemas sociodemográficos dos municipios do rural e esixen o freo deste dispendio propagandístico. Nunha iniciativa reclaman que o pleno da Deputación impulse a elaboración dunha estratexia contra o éxodo de mulleres do rural. Na outra moción e ante a inacción do PP, piden a posta en marcha dunha batería de medidas en materia de emprego e vivenda nos municipios ourensáns afectados por este desastre.

“Os teitos de cristal no mundo rural son aínda máis difíciles de rachar”, asegura a voceira do grupo provincial socialista, Elvira Lama, e “por iso neste mes de marzo e logo do éxito dos movementos cidadáns en favor da igualdade real entre mulleres e homes, na Deputación queremos centrar esforzos en solucionar algúns dos problemas das mulleres do rural de Ourense”.

“Esiximos a Baltar que paralice a súa propaganda absolutista e adique os millóns de euros á loita efectiva contra a o despoboamento do rural e ós problemas reais das mulleres da provincia”, reclama antes de indicar que “se todos os millóns que gastou en propaganda para lucir palmito desde que é presidente estiveran investidos no rural e non nos petos dos amigos do presidente, de seguro que o rural estaría algo mellor”. “Senón revertemos esa situación, impediremos o relevo xeracional e botaremos ó éxodo masivo ás mulleres”, asevera a voceira logo de destacar que “a nula preocupación do presidente co maior problema de Ourense queda clara no seu programa de goberno 15-19 no que non hai un apartado específico sobre el”.

Esta proposta reclama que a Deputación deseñe, desenvolva, e aplique un plan provincial de loita contra o éxodo das mulleres rurais, que inclúa un programa de cooperación cos concellos rurais ó que se poidan adherir estes territorios, co fin de recibir axudas a través de convocatorias públicas para dotar de servizos, infraestruturas e programas específicos que fomenten a inclusión das mulleres.

Tamén pide que a Deputación esixa da Xunta un plan de acción específico acordado para os concellos rurais, que introduza medidas correctoras e incentivos transversais en todas as políticas públicas, para favorecer e garantir a inclusión das mulleres, con medidas concretas, como por exemplo, axudas a empresas e entidades para a contratación; complemento retributivo ó persoal das administracións; garantir en todos estes concellos casas-niño e espazos de atención ós maiores favorecendo ó emprego feminino; ou modificar os requisitos de número de habitantes nestes concellos para manter centros de educación infantil ou centros sanitarios. A proposta non é pechada posto que está aberta a outras medidas acordadas nunha mesa de traballo a constituír.

Lama explica que “as mulleres do rural padecen dobre discriminación, xa que están máis desprotexidas fronte á violencia machista, e teñen menos perspectivas para desenvolver a súa vida en todos os aspectos”. E, por iso, os socialistas denuncian “a grave situación demográfica da provincia e a ausencia dunha estratexia que afonde nas causas concretas e achegue todas as posibles solucións”, e destacan que as propostas feitas ata o de agora obvian “numerosos condicionantes que complican as perspectivas de futuro como o factor do xénero, un dos máis determinantes”.  

Moción sobre o rescate dos municipios en regresión demográfica

A segunda proposta ó pleno de marzo reclama o rescate dos municipios afectados polo grave problema de regresión demográfica, para a posta en marcha de programas de desenvolvemento e fomento de emprego co financiamento que se vaia acordando, con cargo ó remanente de crédito e solicitando achegas da Xunta.

En concreto pídese actuar mediante un plan específico para a rehabilitación de vivendas desocupadas, coa finalidade de crear bolsas de alugueiro con opción a compra para familias novas que queiran residir neses núcleos; outro plan de fomento do emprego con medidas que favorezan a  posta en funcionamento de iniciativas individuais ou de cooperativas e talleres; e a creación dunha liña de axudas para favorecer novas actividades vinculadas ó territorio.