DEREITOS SOCIAIS POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG-PSOE critica o cinismo do PP ó impulsar honras ás vítimas da ditadura mentres aplaude alcaldes franquistas

Ignacio Gómez destacou o “cinismo do PP” cunha iniciativa que “é demagoxia e oportunismo” mentres “rin as gracias ó alcalde de Beade ou Rajoy presume de investir cero euros na memoria histórica”

Os socialistas cuestionan a dobre moral de Baltar tras impulsar esta moción mentres Pablo Casado renega da lexislación que honra a todas as vítimas e anuncia a súa derrogación

Ourense, 29 de marzo de 2019. O PSdeG-PSOE critica a caradura e o cinismo político do PP ó impulsar recoñecementos e honras ás vítimas da ditadura en Ourense desde o pleno da Deputación, mentres aplaude ós seus alcaldes franquistas da provincia ou Baltar se abraza a Pablo Casado, líder popular que renega da lexislación vixente sobre memoria histórica que honra a todas as vítimas.

A deputado socialista, Ignacio Gómez, destacou durante o debate da moción dos populares ourensáns que reclama oficializar a conmemoración do ‘Día da Galiza Mártir’, homenaxeando anualmente ás vítimas do franquismo o 17 de agosto, o “cinismo político do PP” ante unha iniciativa que “é demagoxia e oportunismo” porque “a memoria histórica non vai por barrios e hai que esixila sempre”. “Os termos que Baltar emprega nesta moción, que nós sentimos como propios, evidencian o grado de cinismo do PP, xa que non debemos esquecer como lle rin as gracias ó alcalde de Beade cando fala do franquismo e das súas vítimas, ou como Rajoy presumiu de investir cero euros na aplicación da Lei de Memoria Histórica”, insistiu.

Gómez aclarou que o PSdeG-PSOE “comparte a exposición de motivos” da moción e recordou que “foi o PSOE quen reclamou en 2002 o recoñecemento a Alexandre Bóveda”. O deputado salientou a figura de Bóveda e das outras vítimas do golpe de estado e da ditadura franquista, pero matizou que o PP “podería empezar por aplicar esta proposta en Beade, onde o alcalde do seu partido dixo publicamente que se ía negar a cumprir o que manda a lei aprobada polo goberno socialista de Zapatero”.

A iniciativa do PP de Baltar insta á Xunta e ó Parlamento de Galicia a oficializar esta conmemoración, pero tamén asegura que no “marco constitucional da II República española foi a primeira vez que os dereitos e liberdades do pobo galego foron recoñecidos xurídica e politicamente”, mediante un estatuto de autonomía referendado antes da “sublevación” contra “o Estado de dereito constitucional e o lexítimo goberno”.

O deputado socialista tamén recordou ós populares como o seu actual líder, Pablo Casado, anunciou publicamente que pretende derrogar a lei vixente sobre memoria histórica, polo que encomendou ó PP de Ourense a enviarlle a Pablo Casado o texto desta iniciativa.