Demografía INICIATIVAS

O PP rexeita loitar contra o despoboamento que asola Ourense

OS SOCIALISTAS CUALIFICAN DE DESFACHATEZ HISTÓRICA QUE O PP REXEITE ACCIÓNS CONCRETAS CONTRA O DESPOBOAMENTO A PESAR DA DEBACLE DEMOGRÁFICA DA PROVINCIA DE OURENSE

Elvira Lama asegurou que “este debería ser o problema que ocupe o noso tempo mais para o PP son ocorrencias” mentres Baltar “no lugar de traballar en solucións, viaxa dando leccións sobre despoboamento”

Ourense, 29 de marzo de 2019. O PSdeG-PSOE considera unha desfachatez histórica que o PP rexeite impulsar desde a Deputación plans concretos en materia de vivenda ou emprego contra o despoboamento, a pesar da debacle demográfica que asola a provincia, e da súa responsabilidade no maior problema para o futuro de Ourense. Durante o debate dunha moción socialista –rexeitada polo PP– na que se reclamaban accións para o rescate dos municipios afectados, a voceira, Elvira Lama, asegurou que “este debería ser o problema que ocupe o noso tempo, mais para o PP son ocorrencias”, antes de denunciar que “no lugar de traballar en solucións, o presidente Baltar adícase a viaxar polo mundo dando leccións sobre despoboamento”. “De tanto presumir polo mundo, non vai poder co peso da medalla”, ironizou.

A voceira destacou que “se todos os millóns que gastou en propaganda para lucir palmito estiveran investidos no rural e non nos petos dos amigos do presidente, de seguro que o rural estaría algo mellor”. Concretamente destacou que durante o mandato que está a piques de rematar, Baltar malgastou unha media de dous millóns de euros públicos ó ano en propaganda, fronte ós cero euros investidos nunha estratexia contra o despoboamento, “mentres imos camiño de ser o deserto de Europa”. Lama tamén recordou que onte mesmo o Parlamento de Galicia, en contraposición coa negativa dos baltaristas da Deputación Provincial, si aprobou una proposición non de lei para impulsar medias a prol da incorporación da mocidade ó rural.

A iniciativa demandaba un plan de rehabilitación de vivendas desocupadas para crear bolsas de alugueiro con opción a compra; outro plan de fomento do emprego con medidas a prol de iniciativas laborais individuais ou cooperativas; e a creación de axudas para novas actividades vinculadas ó territorio.

O pleno provincial de marzo, a instancias dos socialistas, tamén puxo o foco noutro problema demográfico do rural, concretamente, no que sofren as mulleres que viven nestes municipios e que se enfrontan a problemas relacionados co seu xénero e que están a forzar un éxodo demográfico feminino. E, por iso, reclamaron novamente a Manuel Baltar, abolir a propaganda coa que só contenta ós seus amigos, co fin de adicar eses recursos a frear esta perigosa dinámica.

Elvira Lama denunciou o desleixo do PP coas políticas de igualdade e violencia de xénero, que “vergoñentamente mistura coa violencia familiar cando non teñen nada que ver”. “Non me estrana que non apoien esta iniciativa porque, para vostedes, é mellor carrexar votos que apoiar ó futuro das mulleres rurais”, dixo antes de rexeitar a emenda presentada polos populares que cualificou de

“proposta valeira de contido á que só lle falta indicar que as súas propostas de acordo se executen baixo o liderato de Manuel Baltar, líder mundial en políticas de igualdade”. A voceira destacou que “os teitos de cristal no mundo rural son aínda máis difíciles de rachar”; advertiu que “senón revertemos esa situación impediremos o relevo xeracional”; e insistiu en que o PP, no lugar de apostar polas políticas positivas a prol das mulleres destes municipios, “prefiren condenar ó rural á morte”.

A moción rexeitada e emendada polos conservadores, reclamaba que a Deputación deseñe, desenvolva, e aplique un plan provincial de loita contra o éxodo das mulleres rurais, que inclúa un programa de cooperación cos concellos, co fin de recibir axudas a través de convocatorias públicas para dotar de servizos, infraestruturas e programas que fomenten a inclusión das mulleres.

Tamén instaba a que a Deputación demande da Xunta un plan de acción específico para os concellos rurais, que introduza medidas correctoras e incentivos transversais en todas as políticas públicas, para favorecer e garantir a inclusión das mulleres, con medidas concretas, como por exemplo, axudas a empresas e entidades para a contratación; complemento retributivo ó persoal das administracións; garantir en todos estes concellos casas-niño e espazos de atención ós maiores favorecendo ó emprego feminino; ou modificar os requisitos de número de habitantes nestes concellos para manter centros de educación infantil ou centros sanitarios. A proposta non é pechada posto que está aberta a outras medidas acordadas nunha mesa de traballo a constituír.