CORRUPCIÓN ENCHUFISMO

O PSOE esixe a dimisión de Baltar tras confirmar o Supremo unha trama para enchufar ós seus amiguetes

O PSDEG-PSOE ESIXE A DIMISIÓN DE MANUEL BALTAR LOGO DE CONFIRMAR O TRIBUNAL SUPREMO UNHA TRAMA PARA COLOCAR ÓS SEUS AMIGUETES NOS MELLORES POSTOS DA DEPUTACIÓN

Os socialistas esíxenlle a Baltar que “deixe de facer piruetas ilegais con cartos públicos e enchufes masivos” ante “un novo caso de caciquismo baltarista de compra de vontades e veto de aspirantes”

Advirten das responsabilidades penais destas accións ilegais xa que, segundo a lei vixente, Baltar é o xefe superior de todo o persoal e o responsable máximo dos procesos selectivos da Deputación

Ourense, 4 de abril de 2019. O PSdeG-PSOE esixe a inmediata dimisión de Manuel Baltar, logo de confirmar o Tribunal Supremo a existencia dunha trama do PP para colocar a dedo ós seus amiguetes nos mellores postos da Deputación de Ourense, incumprindo manifestamente a lei e os principios constitucionais que deben dirixir os procesos selectivos públicos. Os socialistas advirten das responsabilidades penais que poden derivar destas accións ilegais confirmadas polo máis alto tribunal do Estado, logo de inadmitir de plano o recurso presentado polo goberno provincial co que pretendían xustificar unha mandanga máis da familia Baltar, que ten secuestrada a institución desde hai case tres décadas.

Os socialistas esíxenlle a Baltar que “que deixe de facer piruetas ilegais con cartos públicos e enchufes masivos”, e que “non escurra o vulto das responsabilidades das súas decisións ilegais”. “O artigo 34 da Lei 7/1985, reguladora das Bases do Réxime Local, determina que corresponde en todo caso ao presidente da Deputación desempeñar a xefatura superior de todo o persoal, así como aprobar a oferta de emprego público de acordo co orzamento e o persoal aprobados polo pleno, e aprobar as bases das probas para a selección do persoal e para os concursos de provisión de postos de traballo” recordan”, polo que “el é o máximo responsable desta cacicada”.

sentencia_tsxg_concurso_personal
Imaxe da sentenza do TSXG confirmada polo Tribunal Supremo

“Estamos ante un novo caso confirmado de caciquismo baltarista que busca a compra de vontades e o veto de outros aspirantes”, insisten os socialistas antes de salientar que “son os propios maxistrados os que puxeron por escrito que Baltar vulnerou os principios de igualdade e non discriminación ou que creou un circuíto cerrado para colocar a persoas en postos concretos, constrinxindo a convocatoria pública para vetar a posibles aspirantes”. “O presidente da Deputación debe dar a cara e dimitir sen agardar un día máis”, aseveran logo de recordar que a propia sentencia do TSXG fala da asunción de responsabilidades logo dos fallos xudiciais que confirman ilegalidades.

O PSdeG-PSOE recorda que esta xa é a segunda confirmación por parte dos tribunais do carrusel de ilegalidades que caracterizan a política de persoal de Manuel Baltar, logo de tombar o ERE que, no seu momento, o presidente vendeu coma un gran acto personalísimo de responsabilidade para mellorar a institución e que, sen embargo, resultou ser un incumprimento flagrante máis da lei que os xuíces cualificaron como “absolutamente contrario ó deber de boa fe” recollido na lexislación vixente.