POLÍTICA SERVIZOS PÚBLICOS

O PSOE quere que a Deputación se posicione contra os ataques á autonomía e á lingua de Galicia

O PSDEG-PSOE QUERE QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE REXEITE OS RECORTES NO AUTOGOBERNO E NO IDIOMA DE GALICIA QUE O PP ANUNCIA NA SÚA PROPAGANDA ELECTORAL

Piden que Baltar repudie as propostas que reclaman suprimir competencias de autogoberno adquiridas segundo a Constitución e o Estatuto, e os ataques contra a lingua galega                                                        

Consideran as propostas do PP “un inaudito ataque á autonomía e ó autogoberno que quere devolver a Galicia a tempos escuros anteriores” e “atentan contra o marco normativo de concordia acadado co Estatuto de Autonomía”

Ourense, 10 de abril de 2019. O PSdeG-PSOE quere que a Deputación de Ourense rexeite publicamente os recortes e amputacións no autogoberno e no idioma propio de Galicia, que o PP anuncia no seu programa electoral e nas súas declaracións públicas. Nunha moción que se debaterá no pleno ordinario de abril, propoñen que esta institución “rexeite as propostas que reclaman reducir ou suprimir competencias de autogoberno adquiridas polas institucións autonómicas e locais de Galicia, segundo o establecido na Constitución Española e no Estatuto de Autonomía”.

Tamén piden que a Deputación Provincial “defenda o mantemento da acreditación de coñecemento da lingua galega como requisito de acceso ó emprego público das institucións autonómicas e locais de Galicia”, e que se inste ó Goberno central e á Xunta a “garantir efectivamente ó alumnado o coñecemento da lingua galega en igualdade co castelán, ó fin da etapa de ensino obrigatorio”.

Os socialistas consideran que as propostas do PP son “un inaudito ataque á autonomía e ó autogoberno de Galicia recoñecidos plenamente na Constitución Española e na xurisprudencia, que pretende devolver á comunidade a tempos escuros anteriores ó Estatuto de Autonomía”, polo que esixen “claridade e firmeza das institucións autonómicas e locais salpicadas por este ataque contra os dereitos constitucionais”. “Estas propostas chocan frontalmente contra os principios que rexen o autogoberno, e contra os dereitos dos galegos e galegas recoñecidos pola carta magna e o resto do ordenamento xurídico que tanto ben fixo polo progreso social, cultural e económico da comunidade”, insisten.

O PSdeG-PSOE cre que os anuncios do Partido Popular sobre a activación dunha estratexia legal para recentralizar competencias en favor do Goberno central ou a paralización da cesión de novas competencias a Galicia “atentan contra o marco normativo de concordia acadado co Estatuto galego e contra os acordos adoptados polo Parlamento galego e as entidades locais neste sentido”.

O PP tamén anunciou que prohibirá esixir idiomas cooficiais para acceder a empregos públicos nos territorios con dúas ou máis linguas, blindando ó español e prohibindo que a lingua cooficial sexa requisito indispensable. Igualmente pretende instaurar o castelán como “lingua vehicular” en todo o sistema educativo e en todas administracións públicas de España para “evitar que as linguas actúen como un elemento excluínte”. “Os idiomas son cultura que enriquece e non exclúe”, responden os socialistas.

O PSOE recorda que o Tribunal Constitucional (TC) recoñeceu plenamente en numerosas ocasións a legalidade da actual autonomía das rexións españolas e do seu autogoberno. Tamén sentenciou, por exemplo, que a esixencia do galego como requisito para ó acceso á función pública é legal e non discrimina: “Nada se opón a que os poderes públicos prescriban, no ámbito das súas competencias, o coñecemento de ambas as linguas para acceder a determinadas prazas de funcionario ou que, en xeral, considérese como un mérito un nivel de coñecemento”, destaca unha sentenza.

Os socialistas manifestan que “con estes antecedentes legais e cos antecedentes históricos do século pasado durante a ditadura, resulta incomprensible este intolerable ataque á lingua galega, unha lingua minorizada, e ós dereitos de todas as persoas que, segundo a lei, deben ser atendidas no idioma da súa elección, algo que non quedaría garantido se o galego non é requisito de acceso á función pública das institucións galegas”.

“Manuel Baltar, que tanto presume de ourensanía e de galeguismo en todos os seus posados, non pode quedar calado e ten o deber de defender firmemente á institución que representa, así como o resto de institucións locais”, relatan antes de concluír explicando que “estamos en contra de medidas como estas que no lugar de facernos avanzar queren atrasar a Galicia, polo que reclamamos que a deputación provincial se posicione claramente na defensa do autogoberno constitucional das institucións de Galicia e do patrimonio lingüístico propio que é de todos os galegos e galegas”.