INICIATIVAS POLÍTICA

O PP de Ourense contradí a Feijóo e rexeita unha moción contra o defenestramento do galego

OS BALTARISTAS REXEITAN E UNHA INICIATIVA DO PSDEG-PSOE CONTRA O DEFENESTRAMENTO DO GALEGO COMO REQUISITO DE ACCESO Á FUNCIÓN PÚBLICA QUE CASADO PREDICA NO SEU PROGRAMA ELECTORAL

Ignacio Gómez destacou que o PP de Feijóo votou a favor dunha moción con este mesmo acordo no Parlamento, polo que “parece que Feijóo xa é máis moderado que os señores do PP de Ourense”

Outra iniciativa tombada tamén polo PP reclamaba a posta en marcha dun plan de cooperación cos concellos para a mellora e o reforzo do servizos de seguridade e protección civil de ámbito local

Ourense, 26 de abril de 2019. O PP da Deputación de Ourense vén de rexeitar unha iniciativa do PSdeG-PSOE contra o defenestramento do galego como requisito de acceso á función pública, a pesar de que o PP aprobou uns puntos de acordo practicamente iguais a estes no Parlamento de Galicia a finais do mes de marzo. A moción tamén defendía as competencias de autogoberno adquiridas pola comunidade autónoma que o PP pretende recortar, segundo recolle o seu programa electoral. “Hai unha moción aprobada por vostedes, señores do PP, no parlamento de Galicia hai só unhas semanas, que di o mesmo que esta proposta na Deputación”, resaltou o deputado, Ignacio Gómez, antes de salientar que “parece que o señor Feijóo xa é máis moderado que os señores do PP de Ourense”. 

Gómez asegurou que “coa súa emenda pretenden quedar ben sen entrar no fondo do asunto, en contra do que fixo Feijóo no Parlamento de Galicia”, e cualificou ós conservadores ourensáns como “uns ultras” que “se están a converter nos mesmos ultras que amparan ó goberno de Andalucía”. “Estades desnortados”, insistiu o deputado do PSdeG-PSOE trala negativa a apoair os acordos e antes de interpelar ó goberno de Baltar coa seguinte pregunta: “Recordan a Gloria Lago? Abrazábase a Feijóo e ó PP galego hai non moito e agora está en Vox, onde parece que van acabar a metade de vostedes”.

A moción do PSOE instaba a “rexeitar as propostas que reclaman reducir ou suprimir competencias de autogoberno adquiridas polas institucións autonómicas e locais de Galicia, segundo o establecido na Constitución Española e no Estatuto de Autonomía”. Tamén pedía que a Deputación “defenda o mantemento da acreditación de coñecemento da lingua galega como requisito de acceso ó emprego público das institucións autonómicas e locais de Galicia”, e instaba ó Goberno central e á Xunta a “garantir efectivamente ó alumnado o coñecemento da lingua galega en igualdade co castelán, ó fin da etapa de ensino obrigatorio”.

Finalmente o pleno aprobou unha emenda de substitución do PP presentada a última hora –a súa táctica habitual para non mollarse nos temas que molestan– que rebaixa a moción socialista a un acordo sen contido que se limita a “reafirmar o compromiso co autogoberno de Galicia e co Estatuto de Autonomía, facendo especial fincapé no seu artigo 5º (a lingua propia de Galicia é o galego)”. Gómez criticou que “o PP da Deputación falou de asuntos que nada teñen que ver coa moción, e no lugar de entrar no fondo do asunto, preferiron ser incoherentes co que votaron no Parlamento galego”.

Tamén lamentou a súa “falta de valor” para “aprobar con todos os grupos políticos unha iniciativa que é boa para toda Galicia”, fronte a “propostas políticas que atentan contra o marco normativo de concordia acadado co Estatuto galego e contra os acordos adoptados polo Parlamento galego e as entidades locais neste sentido”.

COOPERACIÓN LOCAL EN SEGURIDADE E PROTECCIÓN CIVIL

Outra iniciativa do PSdeG-PSOE reclamaba ó pleno a posta en marcha dun plan de cooperación cos concellos para a mellora e o reforzo do servizos de seguridade e protección civil. “Estamos ante unha materia na que os concellos precisan axuda e cooperación tanto da Xunta como da Deputación de Ourense, e esta cuestión da cooperación é unha función primordial da deputación, que pode e debe cooperar en mellorar servizos municipais moi importantes para os cidadáns”, retalan .

A iniciativa dos socialistas non foi aprobada polo pleno porque, segundo o PP e pesar das importantes carencias destes servizos, “ó final do mandato non é o momento de falar disto”.

Ignacio Gómez, que é alcalde de Ribadavia, explicou que coñece ben estes problemas e “esta moción vai nun sentido positivo porque nos concellos pequenos temos moitos problemas para dotar estes servizos”. “As achegas que a Xunta e a Deputación fan, por exemplo, para os GES e para Protección Civil, son ridículas e teñen sido reducidas ó longo dos anos”, denunciou. “Na policía local estamos tendo uns problemas terribles porque encontramos problemas para contratar persoal debido ás limitacións impostas pola lexislación estatal vixente, e iso é un problema importante para a seguridade”, dixo antes de “demandar cambios formalmente á Xunta poder contratar auxiliares policiais máis tempo co fin de suplir as eivas nos cadros de persoal”.

“A proposta de acordo é positiva e lamento profundamente que o PP non se sume a ela”, concluíu Gómez