INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PSOE impulsa unha declaración institucional en defensa dos estudos de aeronaútica en Ourense

O PSDEG-PSOE IMPULSA UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA DEPUTACIÓN EN DEFENSA DO MESTRADO DE AERONÁUTICA NO CAMPUS DE OURENSE

“Ante a clara ameaza para a nosa oferta universitaria” solicitaron esta reunión extraordinaria da xunta de portavoces “para acordar unha declaración institucional en defensa destes estudos e de Ourense”

“Cremos fundamental defender a implantación destes estudios en exclusividade en Ourense, entre outras razóns, polo impulso necesario que merece o noso campus de cara ó seu futuro”, asegura Elvira Lama

Ourense, 17 de maio de 2019. O PSdeG-PSOE vén de solicitar a celebración dunha xunta extraordinaria de portavoces da Deputación Provincial de Ourense –que xa foi convocada o luns día 20 ás 13:30 horas–, co fin de impulsar unha declaración institucional consensuada por todas as forzas políticas con representación na corporación, en defensa da implantación do mestrado en Enxeñaría Aeronáutica en exclusividade no campus universitario da terceira cidade de Galicia.  

A voceira dos socialistas, Elvira Lama, explica que “ante a situación de intentar crear titulacións noutros centros de estudos relacionados coa enxeñería aeronáutica e do espazo que se imparten no campus de Ourense de forma singular, de acordo co previsto no Sistema Universitario Galego” e ante a “clara ameaza para a oferta universitaria que ofrece Ourense” solicitaron esta reunión extraordinaria da xunta de portavoces da corporación “para acordar unha declaración institucional da Deputación en defensa dos estudos de enxeñaría aeroespacial que se imparten no campus de Ourense de forma singular no Sistema Universitario de Galicia, tanto a nivel de grao como de mestrado universitario, e para a defensa dos intereses da provincia”.

“Cremos fundamental defender a implantación destes estudios en exclusividade en Ourense, entre outras razóns, polo impulso necesario que merece o noso campus de cara ó seu futuro con titulacións técnicas tan importantes como esta, e tamén porque a maior empresa do sector aeronáutico de toda a comunidade galega, con case medio milleiro de empregados, está a só uns quilómetros da facultade ourensá”, asegura Lama. Desta forma, o PSdeG-PSOE quere posicionar “sen titubeos” á institución á fronte da defensa dunha titulación fundamental en todo o sistema educativo galego. E, por iso, xa acompaña a solicitude desta xunta extraordinaria de portavoces cunha proposta de declaración institucional.

O texto comeza resaltando que “estes estudos créanse como unha contraprestación a cidade polo peche ilegal da licenciatura en Física no ano 2009”, logo repasa a situación actual da titulación, e remata aclarando que “non existe no territorio español ningún precedente de impartición do mestrado en Enxeñaría Aeronáutica nun centro que non posúa o grao de acceso, o grao en Enxeñaría Aeroespacial”, tal e como pretende a Universidade da Coruña.