Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PSdeG-PSOE solicítalle a Deputación de Ourense que apoie ás asociacións de comerciantes

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOLICÍTALLE Ó GRUPO DE GOBERNO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE QUE APOIE A TODAS AS ASOCIACIÓNS DE COMERCIO DA PROVINCIA

Os socialistas destacan que “as asociacións de empresarios, autónomos e pequeno comercio son parte do motor económico da provincia, así como servizos que facilitan a vida no rural”

No último pleno da Deputación, o socialista Diego Fernández, interpelou o goberno a colaborar con máis asociacións, durante o debate da modificación de crédito do Inorde para apoiar a CEO

Ourense, 1 de marzo de 2020.  O PSdeG-PSOE de Ourense solicítalle ó grupo de goberno da Deputación de Ourense, conformado polo Partido Popular e os seus socios de Democracia Ourensana, para que apoie a todas as asociacións de comercio da provincia, xa sexan empresariais, de autónomos ou de pequeno comercio. Os socialistas interpelaron o bipartito durante o debate da modificación de crédito do Inorde para colaborar economicamente coa Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), en que se fagan extensibles as axudas a todas as asociacións de comerciantes da provincia, sinalando que “en moitos casos hai asociacións nalgunhas vilas con máis de 100 asociados que en 6-7 anos non recibiron nin un só euro de subvención por parte do ente provincial”.

Os socialistas, en palabras do deputado de O Carballiño, Diego Fernández, sinalaron que “estamos a favor de que se colabore dende a Deputación prestando servizos fiscais, xurídicos, de prevención de riscos laborais, en materia de consumo e formación”, apuntando, iso si, que “o ente provincial debe estar en contacto permanente con quen lidera a Confederación de Empresarios de Ourense para non ter que intervir unha vez rematou o partido, é dicir, executados os gastos de funcionamento e xa planificados e organizados os cursos de formación”.

Dende o grupo provincial do PSdeG-PSOE de Ourense consideran que “todas as asociacións de comerciantes da provincia son o motor económico de Ourense e habilitan servizos que fan máis fácil a vida no rural”. Motivo polo que dende o grupo socialista solicitan o apoio económico e de subvencións por parte da Deputación de Ourense, seguindo “criterios obxectivos e un reparto xusto porque dende logo os comerciantes tamén están dentro do ámbito de acción do Inorde”.

Os socialistas criticaron unha vez máis a xestión que durante anos realizou o Partido Popular do Inorde e que agora conta co apoio de Democracia Ourensana. “Consideramos excesivo que se chegue a gastar a metade de orzamento do Inorde no capítulo de persoal, que nestes últimos anos rondou o millón de euros”, finalizou Diego Fernández.