ESPAZO RURAL INICIATIVAS

O PP, a favor de recortes millonarios ós agricultores

ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO RECORTA NUN 80 % AS AXUDAS PARA A MELLORA DOS CAMIÑOS DE EXPLOTACIÓNS AGROGANDEIRAS

O PSdeG-PSOE tamén demandou no pleno parar o recorte do 70 % aplicado por Alberto Núñez Feijóo nas axudas da Xunta para mellorar os accesos ás explotacións agrogandeiras. A última convocatoria do goberno do PP ascende a só 1,3 millóns para toda a provincia (6 millóns en toda Galicia), cando no ano 2016 foron 4,5 millóns (20 millóns na comunidade).

O voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, denunciou que “os datos desta suposta lexislatura do rural, como vendía o presidente da Xunta, non apuntan a iso” e preguntou “por que minguan estas cantidades dunha forma tan drástica a pesar de que esta convocatoria está cofinanciada nun 75 % con fondos FEADER”. “A pesar de que ía ser a lexislatura do rural segundo manifestou en 2016 Feijóo, o goberno galego aplica agora unha redución drástica dos fondos para o desenvolvemento e potenciamento do rural nun momento crucial no que o sector precisa do apoio das administracións públicas”, denunciou.

“É un plan obxectivo que moitos concellos están agardando e que xa nos gustaría ter nesta deputación”, destacou antes de salientar que “co seu voto en contra negan que se aumenten os fondos ó rural de  Ourense” o que “abonda na esquizofrenia dalgúns partidos porque en 2017 este mesmo pleno adoptou un acordo igual por unanimidade”. O voceiro tamén destacou como no ano 2014 a Deputación cofinanciou este plan marco cun 10,8 % do importe total. “Agora se negan a cofinancialo e tamén a pedir que incrementen os cartos”, aseverou o voceiro quen tamén preguntou “a que van adicar os cartos que detraen desta iniciativa porque di o PP que os fondos sobraban”.

A moción demandaba instar á Xunta a “non recortar o plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021”. Tamén solicitaba que “a Deputación de Ourense, no caso de que o goberno de Feijóo manteña o recorte, aporte ós concellos da provincia os fondos suprimidos”, como xa fixo no ano 2014. A pesar das necesidades acuciantes do sector, o PP negou a reclamación á Xunta e votou en contra da moción.