concellos Denuncias Política municipal

Feijóo e o PP de Galicia desmantelan o Centro de Orientación Familiar de Ribadavia

O PSDEG-PSOE DENUNCIA O DESMANTELAMENTO QUE A XUNTA ESTÁ A LEVAR A CABO NO CENTRO DE ORIENTACIÓN FAMILIAR DE RIBADAVIA CO BENEPLÁCITO DO ALCALDE DO PARTIDO POPULAR

Os socialistas presentarán un escrito diante da Consellería de Sanidade para trasladarlle todos os datos por “se son descoñecedores dos mesmos” instando a que repoñan a praza de psicólogo e poñan fin o desmantelamento de servizos sanitarios básicos na comarca do Ribeiro  

Ourense, 3 de marzo de 2020.  O PSdeG-PSOE denuncia o desmantelamento que a Xunta está a levar a cabo no Centro de Orientación Familiar (COF) de Ribadavia co beneplácito do alcalde do Partido Popular na vila. Os socialistas denuncian que nos últimos 9 meses de goberno municipal do PP e onde dende o grupo municipal socialista fixo múltiples declaracións tanto en pleno como en prensa, o COF está totalmente desmantelado. Dende o mes de xuño non conta con psicólogo e non se substituíu a praza, nin hai ese servizo, básico para a toda a comarca do Ribeiro.

Dende o PSdeG na capital do Avia denuncian tamén que “non soamente se suprimiu a praza de psicólogo, senón que o desmantelamento afecta tamén o auxiliar administrativo, o servizo de xinecoloxía e a auxiliar de enfermería, que deberían ter servizos martes e venres, pero coa redución do servizo de xinecoloxía, tan só se atenden a pacientes os martes”, explica o voceiro socialista Ignacio Gómez, quen tamén apunta “nin sequera o servizo que anuncian con carteis nas portas do COF se corresponde coa realidade de horarios e atención”.

O grupo municipal socialista anuncia que enviará un escrito con todos estes datos a Consellería de Sanidade “por se son descoñecedores deles ou por parte do grupo de goberno non lle comunicaron a situación”. Neste escrito, os socialistas instan a que se repoña o servizo de psicoloxía e se free o desmantelamento do COF, xa que é un punto sanitario básico non só para Ribadavia, senón para a toda a Comarca. “Estamos fartos de dilación e escusas e senón se repoñen estes servizos, os socialistas comezaremos a tomar outras medidas como as mobilizacións por toda a comarca do Ribeiro”

Pero dende o seno socialista van máis aló e acusan a Xunta de “recortar os servizos no centro de saúde”, onde tal e como afirman “hai problemas cando a matrona colle días propios ou por algún problema familiar e obsérvase como pode pasar unha semana ata cubrirse a praza, polo que o servizo queda descuberto semanas enteiras”, explica Nacho Gómez. Situación a que tampouco é allea o centro de saúde, onde “cando faltan médicos por días libres, formacións, ou vacacións, non só non se cobren as baixas, senón que se satura a axenda dos outros facultativos, algo que sen ir máis lonxe aconteceu a semana pasada”, subliña Gómez.

Unha situación a que non é allea o alcalde do Partido Popular de Ribadavia, xa que en numerosas ocasións, os grupos da oposición, e nomeadamente o PSdeG-PSOE, solicitáronlle información sobre como estaba actuando o goberno municipal para frear este desmantelamento sanitario. “Falamos de meses de inacción do alcalde onde nin sequera nos contestaba e a súa resposta foi que trasladou unha das mocións da oposición a consellería, algo que consideramos unha tomadura de pelo, o non ser a forma idónea para actuar nestes casos, xa que ante unha situación tan grave non fixo ningunha xestión e segue agardando a resposta da Consellería de Sanidade”, apunta o voceiro socialista.

Dende o PSdeG-PSOE de Ribadavia critican a “indolencia” do alcalde non só no correspondente o Centro de Orientación Familiar e o centro de saúde, senón que tamén aluden o museo etnográfico “que por primeira vez está pechando as súas portas algúns días ante a falta de persoal e sendo unha competencia directa da Xunta”. Situación similar estase a vivir con colexio da Alameda, tamén dependente da Xunta e no que os pais e nais “xa se manifestaron en numerosas ocasións en contra e estanse mobilizando en redes, namentres o alcalde segue sen mover un dedo para darlle unha solución ou frear o peche que a Xunta quere levar a cabo”, finaliza Nacho Gómez.

Saúdos.