Deputación de Ourense INICIATIVAS

A Deputación bloquea indagar contratos a dedo de Baltar

BALTAR E JÁCOME TOMBAN UNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN SOBRE O TROCEAMENTO DE MILLÓNS DE EUROS EN CENTOS DE CONTRATOS MENORES A DEDO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Gómez asegurou que estamos ante uns feitos que “destrozan a democracia” que “o PP pervirte ano tras ano e década tras década” e recordou que DO “apoia agora este proceder que antes denunciaba”

Ourense, 28 de febreiro de 2020. Manuel Baltar e Democracia Ourensana tombaron hoxe a creación dunha comisión de investigación sobre o troceamento de millóns de euros, en centos de contratos menores outorgados pola Deputación de Ourense nos últimos anos. Tras denunciar ante o Consello de Contas de Galicia este proceder presuntamente ilegal, o PSdeG-PSOE impulsou a constitución desta investigación política na institución, co fin de aclarar se se está a incumprir a lei, mais PP, DO e Ciudadanos prefiren ocultar os feitos, a pesar de que o propio partido de Gonzalo Pérez Jácome denunciou, hai tres anos, estes feitos que agora aplaude.

Os socialistas trasladaron ó órgano fiscalizador un milleiro de folios coa documentación sobre o “reparto a dedo” de “sete millóns de euros fragmentados de forma presuntamente irregular en 160 contratos menores de obra” entre catro empresas, executado por Baltar ó longo dos dous últimos anos ante o que definen como “actos supostamente ilegais que parecen unha cadena de favores”. Tamén trasladaron extensa documentación sobre o mesmo proceder nos contratos menores de subministros e servizos.

O vicevoceiro, Nacho Gómez, asegurou durante a sesión plenaria de hoxe que estamos ante uns feitos que “destrozan a democracia” que “o PP pervirte ano tras ano e década tras década”. Gómez recordou como DO —que hoxe votou en contra — denunciou hai catro anos este mesmo proceder e falando “dun enriquecemento ilícito do PP” ante un “modus operandi de corrupción”. “Nada mudou nestes anos e non se pode ser cómplice, porque hai agora un partido que está permitindo estas situacións”. “A mesma práctica que vostedes denunciaban, señores de DO, é agora peor”, insistiu Gómez instando ó deputado, Miguel Caride, a “dicir o mesmo que dicían en 2016”.

“Expliquen por que o señor presidente desta Deputación quere darlle centos de obras a só catro ou cinco empresas”, exclamou o deputado socialista antes de preguntar o goberno bipartito “por que non permiten ós concellos da provincia adxudicar directamente as obras se todo é legal” o que “permitiría adxudicar estes contratos a decenas de empresas da provincia”. “Isto é unha cuestión ética, legal e económica”, destacou antes de alertar como “hai un parón desde que estas cousas saen á luz” posto que “nos dous primeiros meses de 2020 o goberno de Baltar adxudicou por este proceder menos da metade de contratos que no mesmo período de 2019”.