Concello de Ourense Deputación de Ourense

Baltar e Jácome queren tapar o caos no que sumiron a Ourense cunha nova cortina de fume

O PSDEG-PSOE CUALIFICA DE “CORTINA DE FUME” DE “DOUS NENOS MALCRIADOS” O TRASPASO DO TEATRO PRINCIPAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE Ó CONSISTORIO DA TERCEIRA CIDADE DE GALICIA

“Baltar e Jácome son dous nenos malcriados que se adican a tapar con anuncios grandilocuentes a falta de estratexia e os problemas económicos por asumir competencias impropias”, dixo Villarino

“Todos están na mesma campaña: o letal de Ourense, o letal de Santiago e o letal da provincia”, incidiu antes de advertir que “todo isto vaise volver atrás” para colocar a Jorge Pumar de alcalde

Ourense, 4 de marzo de 2020. O PSdeG-PSOE cualifica de “cortina de fume” de “dous nenos malcriados” o anuncio do Concello de Ourense e a Deputación Provincial, para o traspaso da xestión e o persoal do Teatro Principal ó consistorio da terceira cidade de Galicia. Ese anuncio ten como fin “tapar” cun “anuncio grandilocuente máis” a falta de proxecto cultural de PP e DO e os problemas económicos que están a crear as “competencias impropias que Baltar asume na Deputación”. “Non lle dan os números”, alertan os socialistas antes de advertir que, logo das eleccións autonómicas, “todo isto vaise volver atrás” para colocar a Jorge Pumar de alcalde.  

“Baltar e Jácome son dous nenos malcriados que se adican a tapar a súa falta de xestión con anuncios grandilocuentes”, dixo o líder do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, quen tamén asegurou que “un xoga ó Lego e outro ó Monopoly”. “No Lego, Gonzalo Pérez Jácome saca o rañaceos, o mapamundi ou cambia o uso do vello cárcere, e no caso de Baltar pon un balneario no Pazo Provincial ou leva para o edificio de Correos instalacións da deputación”, recordou antes de afirmar que agora “chegan entre ambos a esta solución do teatro” coa “escusa” de que “van evitar perigosas contraprogramacións porque a xente estaría forzada a ter que elixir”. “A elixir que se non hai actividade cultural nesta cidade pola falta de proxecto de DO e PP”, preguntou o voceiro socialista.

“Isto é unha cortina de fume, unha cousa máis a soltar como o rañaceos, o mapamundi ou o balneario porque non hai estratexia”, dixo. “A Baltar non lle dan os números ante todas as competencias impropias que a Deputación de Ourense está a asumir e prefire deixar as responsabilidades e o persoal en mans do Concello, sen darse conta de que hai unha cousa como é o superávit que mingua considerablemente”, alertou, porque “xa hai un desfase entre o persoal asumido e o orzamentado”.

Durante un almorzo informativo para valorar os incumprimentos da Xunta de Galicia con Ourense, Villarino tamén preguntou “como pensa o goberno local asumir todo isto orzamentariamente” tralos recortes aplicados no orzamento para a cultura, e advertiu de que “pasadas as eleccións autonómicas todo isto vaise volver atrás” porque Feijóo “sabe perfectamente” que este pacto “ten unha data de caducidade” na que “deixarán á persoa que teñen de alcalde títere e pasará a ocupar o seu lugar a persoa elixida polo PP: Jorge Pumar”.

“Todos están na mesma campaña: o letal de Ourense, o letal de Santiago e o letal da provincia”, incidiu o voceiro do PSdeG-PSOE tras recordar a participación de Gonzalo Pérez Jácome e Miguel Caride onte nun acto de campaña electoral do PP en Expourense. “Ante a pregunta de cal de estes non é do Partido Popular, a xente non sabe que responder”, aseverou.  

“No seu momento considerouse un consorcio entre Concello, Deputación e Xunta que incluso podía incluír o auditorio para traballar en colaboración, mais finalmente desbotouse”, recordou Villarino antes de resaltar a importancia de que para “colaboración é compartir e xestionalo entre os dous e non pasalo ó Concello” polo que “a mensaxe é tan falsa como o argumento e a realidade que veremos logo das eleccións”.