Concello de Ourense INICIATIVAS

Apostamos pola reforma integral do estadio de O Couto

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SOLICITA O COMPROMISO DA XUNTA E DO CONCELLO COA REFORMA INTEGRAL DAS “DEPLORABLES” INSTALACIÓNS DO CAMPO DE FÚTBOL DE O COUTO

Os socialistas denuncian  que no ano 2020, a situación actual do estadio de fútbol é “deplorable e insostible”: o céspede natural en moi malas condicións e cheo de “calvas” e zonas de barro

No período 2015-2019 a Xunta de Galicia en total invertiu 450.000 € que non chegaron a “absolutamente nada máis que para facer pequenos “parches” e “apaños”

Ourense, 5 de Marzo de 2020. O grupo municipal socialista de Ourense defenderá unha iniciativa no pleno do Concello de mañá venres para que se acade un compromiso do goberno e se inste á Xunta de Galicia para a realización da reforma das instalacións deportivas do Campo de fútbol de O Couto. Deste xeito os socialistas trasladan unha proposta xa plantexada polo concelleiro, Borja Trigás, no Consello Municipal de Deportes o pasado 13 de febreiro debido ao “deplorable estado” no que se atopa o centro deportivo e ante a “urxencia” que require a cuestión.

Os socialistas denuncian  que no ano 2020, a situación actual do estadio de fútbol é “deplorable e insostible”: o céspede natural en moi malas condicións e cheo de “calvas” e zonas de barro. gradas e cabinas de prensa destrozadas nas que é difícil ata sentarse sen mancharse, se é que tes cadeira para facelo, banquillos e vestiarios cos cristais rotos, cadros eléctricos á intemperie… E conclúen que O Couto non soporta xa “máis arranxos ou pequenos retoques”, pide a berros unha reforma global, con dous equipos profesionais compartindo o campo e xogando na Terceira División, na terceira cidade galega, está máis que xustificada e require dun consenso político local que empurre para que a nivel autonómico se poida levar a cabo dunha vez por todas.

No ano 2014 a Xunta de Galicia anunciou un plan de actuación para o Estadio a través do seu secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e fala de posibles convenios a dúas bandas da administración autonómica con Concello e Deputación para afrontar as obras. O propio Mario Guede, actual concelleiro de Deportes do Concello, daquelas Xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense afirmaba que “o obxectivo era acadar acordos de colaboración para realizar as actuacións necesarias de cara á utilización da instalación deportiva por parte dos clubes que o demanden como por parte dos Concellos e da Deputación Provincial”.

No ano 2015, a Xunta de Galicia anunciaba unha inversión de 175.000 € para poder desprazar os baixos do estadio ás distintas federacións que había na cidade e así establecer o núcleo futboleiro da cidade e da provincia no propio estadio.

Dende o seo socialista trasládase que a realidade é que no período 2015-2019 a Xunta de Galicia en total invertiu 450.000 € que non chegaron a “absolutamente nada, para arranxar e renovar baños ou aplicar novos tratamentos” ao céspede natural que non serviron para moito.