Denuncias Política municipal

O PP e DO amosan a súa pasividade ante a crise do coronavirus en Ourense

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA CRITICA A PASIVIDADE DO GOBERNO DO PP E DO NA LOITA CONTRA O CORONAVIRUS E PÍDELLE QUE AMPARE Á POBOACIÓN MÁIS NECESITADA E NON FUXA DAS SÚAS RESPONSABILIDADES

Os socialistas propoñen unha batería de iniciativas sociais, así como doutras dirixidas a hixiene e a aliviar as cargas fiscais debidas ao pagamento de taxas e tributos municipais durante a pandemia

O PSdeG-PSOE tamén lamenta que “se aproveitara o servizo da ORA, que o alcalde dixo no seu día que suprimiría, para facer caixa” durante esta crise.

Ourense, 15 de marzo de 2020. O Grupo Municipal Socialista do Concello de Ourense critica a pasividade e retraso do goberno do PP e D.O na adopción de medidas e accións na loita contra o coronavirus na cidade, e lamenta que servizos como os da ORA, que o alcalde dixo que suprimiría, se aproveitara para “facer caixa”, sancionando condutores “de xeito masivo” durante os últimos días.

Os socialistas lamentan a posición do alcalde de Ourense, Pérez Jácome, que se desmarcou da crise do coronavirus durante a última comisión de voceiros, sinalando que “esto es cosa del Gobierno central y de la Xunta, y nosotros no deberíamos decidir nada de esto”.

O PSdeG-PSOE reclama ao goberno de PP e D.O. accións “máis rápidas e contundentes”, como as que se están a aplicar en concellos galegos gobernados polos socialistas, entre as que se inclúen as referidas as persoas maiores que viven solas e ao servizo de axuda no fogar, sen esquecer as referidas ao transporte público (buses e taxis) e á limpeza de vías, rúas, mobiliario urbano e dependencias municipais, contemplando, así mesmo, a recollida do lixo, dotando ao persoal de medidas axeitadas en canto a material de protección (máscaras, luvas e xel) para evitar os contaxios.

Asemade, os socialistas reclaman o peche e limitación do acceso a parques, zonas verdes e paseos fluviais, así como medidas informativas e de sinalización (dotación de carteis informativos e cintas de separación nas bancadas das salas de espera) referidas á distancia axeitada entre persoas, para evitar a propagación do Covid-19.

O PSdeG-PSOE da cidade reclama igualmente do goberno municipal adiar o pagamento de taxas e tributos, así como a redución proporcional dos mesmos ao tempo de peche de comercios e locais de hostalería, debido á falta de actividade dos mesmos. O obxectivo destas medidas é contribuír a mitigar o impacto económico desta crise, de xeito acorde ás medidas formuladas polo Goberno de España.

A continuación, resúmense as principais medidas do Plan Integral de Acción Municipal contra o coronavirus proposto polo Grupo Municipal Socialista da cidade de Ourense:

1.       Información: habilitar unha web específica específica e un teléfono gratuíto de información e atención telefónica, no que se informe sobre os servizos municipais pechados e en funcionamento, as medidas adoptadas e os bandos e circulares emitidas. Sinalizar nos espazos e instalacións dependentes do concello respecto da distancia axeitada entre persoas, así como das  medidas preventivas a ter en conta.

2.       Política social: Activar un dispositivo de voluntariado municipal dirixido as persoas maiores que viven solas, co obxecto de axudalas a realizar tarefas cotiáns como a compra de medicamentos e produtos nos supermercados. Dotar ao persoal de axuda no fogar de material preventivo (máscara, luvas e xel), priorizando o servizo aos maiores que carezan de apoio familiar. Crear un programa conxunto con Cruz Vermella, Cáritas e outras ONGs, para habilitar medidas excepcionais de atención e información as persoas sen fogar que viven na cidade.

3.       Mobilidade e transporte: Supresión temporal do servizo da ORA. Redución da frecuencia e limitación a un terzo na ocupación dos autobuses urbanos, proporcionando material de protección aos choferes e información aos usuarios sobre como evitar o contaxio. Axustar a frecuencia e o número de taxis á demanda, limitando o número de viaxeiros a dous, ningún deles na praza do copiloto. Dotar aos choferes de buses e taxis urbanos de material de protección completo (máscara, luvas e xel).

4.       Limpeza de vías, rúas e mobiliario urbano: Accións de limpeza, profunda e especial, en vías, rúas, baños municipais e mobiliario urbano, así como en dependencias e vehículos do concello (policía, protección civil, bombeiros, servizo de recollida de lixo, de parques e xardíns, etc.). Reforzar as accións con máis persoal e produtos especiais de limpeza para garantir a aplicación integral destas medidas. Apertura dos baños públicos en horario nocturno durante a crise para uso dos traballadores da limpeza, forzas e corpos de seguridade do estado e persoal público que traballe en horario nocturno durante a crise.

5.       Medidas fiscais: Suspender durante 6 meses o pagamento de taxas e tributos municipais, así como reducilas de xeito proporcional ao tempo de peche dos comercios e locais de hostalería da cidade. Ambas medidas teñen como finalidade contribuír a mitigar o impacto económico desta crise, e concordan coas formuladas polo Goberno de España.

Este programa é susceptible de ampliar o seu alcance, complementa a outras medidas (como o peche de centros cívicos e instalacións municipais, as recomendacións de consultas cidadáns por  teléfono e vía internet, ou as fórmulas de traballo por quendas e as medidas de conciliación familiar), e conflúe nunha meta esencial: previr a expansión do coronavirus entre a veciñanza da cidade de Ourense.

Nunha situación tan excepcional é cando se precisan accións extraordinarias, requiríndose a implicación plena da administración máis próxima á cidadanía: o noso concello.