Deputación de Ourense Eleccións Galicia 2020

Suspendemos a campaña electoral

O PSDEG-PSOE DE OURENSE SUSPENDE TODA A SÚA ACTIVIDADE DE CAMPAÑA ATA QUE SE ADOPTE UNHA DECISIÓN DEFINITIVA SOBRE A CELEBRACIÓN DAS ELECCIÓNS GALEGAS

Ata que as autoridades competentes adopten unha decisión definitiva sobre a celebración das eleccións galegas, por razóns de saúde pública a causa do virus SARS-CoV-2

Os socialistas expresan a súa dispoñibilidade para buscar vías que permitan o aprazamento das eleccións autonómicas baixo o consenso de todas as forzas e con todas as garantías legais

Ourense, 13 de marzo de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de acordar a suspensión de toda a súa actividade de campaña e precampaña, así como de toda as súas accións políticas públicas, ata que as autoridades competentes adopten unha decisión definitiva sobre a celebración das eleccións galegas, por razóns de saúde pública a causa do virus SARS-CoV-2. A sede provincial dos socialistas na rúa Ribeira de Canedo da capital ourensá tamén permanece pechada desde primeira hoxe venres como medida preventiva.

Os socialistas galegos acaban de solicitar á Xunta de Galicia a constitución dun comité de seguimento que inclúa a todas as forzas políticas da comuniade, a fin de ter información actualizada sobre o SARS-CoV-2 e as medidas a adoptar, seguindo rigorosamente os criterios dos técnicos e expertos en materia de saúde pública. Así mesmo, o PSdeG-PSOE expresa a súa dispoñibilidade para buscar vías que permitan o aprazamento das eleccións autonómicas baixo o consenso de todas as forzas e con todas as garantías legais.

Suspensión de comisións na Deputación Provincial

Así mesmo, no ámbito da Deputación Provincial de Ourense esta mañá foi acordada a suspensión das comisións informativas previstas para a semana próxima, inicialmente ata as sesións previstas no mes de abril, mais a súa convocatoria e celebración definitiva quedará condicionada á evolución da situación nas próximas datas.