Concello de Ourense INICIATIVAS

Esiximos ó Concello que garanta a seguridade de traballadoras e usuarios da axuda no fogar

O PSDEG-PSOE DE OURENSE URXE AO CONCELLO PARA QUE PROPORCIONE MEDIDAS DE PROTECCIÓN QUE GARANTAN A SEGURIDADE DE TRABALLADORAS E USUARIOS DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF) FRONTE AO CONTAXIO POR CORONAVIRUS

“Nestes momentos, o persoal do SAF non  dispón de máscaras, sendo as luvas a única medida de protección coa que contan”, advirten os socialistas

Dende o PSdeG-PSOE da cidade, requírese responsabilidade do goberno municipal para asegurar un servizo indispensable que debe prestarse coas medidas de protección sanitaria que precisa

Ourense, 29 de marzo de 2020. O Grupo Municipal Socialista do Concello de Ourense solicítalle ao Concello que deixe de adiar a entrega de medidas de protección que protexan fronte ao COVID-19, tanto ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) como ás persoas maiores que coidan. Ata o de agora, a única protección da que dispoñen son as luvas; as traballadoras non contan con máscaras nin xeles desinfectantes.

Os socialistas sinalan que a súa petición é consonte coas anteriormente realizadas pola empresa concesionaria -ATENDO-, que demandaba “a entrega ás traballadoras de máscaras coas que desenvolver o seu traballo dentro das medidas de seguridade necesarias para evitar os contaxios e a propagación do COVID-19”.

Nestes momentos, o grupo socialista é coñecedor do dous casos de contaxio, correspondendo un deles a unha traballadora e outro a unha persoa usuaria do servizo, estando á espera de determinar o diagnóstico positivo ou negativo de casos adicionais con síntomas sospeitosos de infección por coronavirus.

Estas circunstancias de risco contribuíron, segundo os socialistas, a que se deran de baixa no SAF a metade dos usuarios do mesmo, cifrándose a caída do seu número nunhas 250 persoas. Dita situación mingua a estabilidade laboral das traballadoras do SAF, e atenta contra a continuidade deste servizo, a diferencia do que acontece en concellos como o de A Coruña, onde o consistorio asegurou ambos aspectos durante a crise por coronavirus. Fronte a isto, o goberno ourensán decidiu manter o SAF incorporando novas altas, mentres se desentendeu de medidas de seguridade que protexen o servizo e conteñen a pandemia na cidade. Un xeito de actuar temerario, subliñan os socialistas.

O servizo de axuda no fogar non debe atentar contra a saúde no escenario de excepcionalidade actual, e tampouco debe expoñerse á súa desaparición na terceira cidade de Galicia. E isto é particularmente perentorio no que atinxe ás persoas usuarias do SAF en situación de dependencia e carentes de amparo sociofamiliar, pois a súa corentena e supervivencia sería imposibles sen este apoio municipal.

A gravidade deste contexto conduce a que o grupo socialista solicite a comparecencia da concelleira de servizos sociais, Eugenia Díaz Abella, para que  poña en coñecemento da corporación as medidas que adoptará para garantir, coa maior urxencia posible, a seguridade e a estabilidade do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ourense.