Concello de Ourense Xunta

Reclamamos ó PP que non empregue a crise sanitaria para «colar» o pendello como estación de autobuses

O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA Á XUNTA QUE NON EMPREGUE A ALERTA SANITARIA PARA “TENTAR COLAR Á FORZA E POLA PORTA TRASEIRA” UNHA ESTACIÓN DE AUTOBUSES QUE NINGUÉN QUERE

Os socialistas cualifican de “intolerable” que Alberto Núñez Feijóo e Ethel Vázquez “aproveiten esta situación para seguir coa súa política propagandística nuns terreos nos que existe un conflicto urbanístico”

“Queren tirar a actual estación ás presas, aínda que ese solar despois quede baleiro, co fin electoralista de consolidar como única alternativa o pendello do PP xunto ó centro de saúde”, denuncian

Ourense, 28 de marzo de 2020. O PSdeG-PSOE esíxelle á Xunta de Galicia que non empregue a actual situación de alerta sanitaria para “tentar colar pola porta traseira” e “á forza” unha estación intermodal que ninguén quere en Ourense. Os socialistas consideran “inadmisible” e “de escasa catadura democrática” que o goberno galego “estea a aproveitarse” deste problema de saúde pública” para impulsar actuacións urbanísticas de dubidosa legalidade, como o derrubamento da actual terminal de autobuses co único fin de “endosar definitivamente un novo edificio prexudicial para a cidade”.

“Alberto Núñez Feijóo e Ethel Vázquez aproveitan esta situación para seguir coa súa política propagandística e manteñen o seu empeño de endosarlle aos ourensáns o pendello prexudicial, para que non poida haber volta atrás”, denuncian ante o anuncio de que Consellería de Infraestruturas vén de aprobar o proxecto para o derrubamento da actual terminal situada na estrada de Vigo. “Queren tirar a estación ás presas, aínda que ese solar despois quede baleiro durante moito tempo, co fin electoralista de consolidar como única alternativa posible o proxecto do PP de escasa ambición que, para colmo, afumará con 300 autobuses ó día o centro de saúde da Ponte e ós veciños e veciñas”.

Os socialistas definen como “intolerables” e “tramposos” estes “anuncios propios de campañas electorais sucias” que “hipotecarán o futuro da cidade”, nun momento no que o goberno galego conservador debería centrar todos os seus esforzos en superar esta crise de saúde pública mobilizando todos os recursos posibles, así como en mellorar urxentemente as condicións de seguridade laboral das decenas de miles de traballadores da sanidade pública que dependen directamente da administración galega.

“A aprobación ás agachadas dun proxecto de demolición express da actual estación de buses, evidencia o medo do PP ante o rexeitamento mostrado pola cidadanía de Ourense contra o proxecto ideado por Feijóo e Vázquez para a nova terminal xunto ao centro saúde da Ponte, así como a posible e probable coincidencia do remate destas obras coa celebración das eleccións autonómicas que tiveron que ser adiadas durante uns meses”, recalcan.

Conflicto urbanístico cos terreos

O PSdeG-PSOE recorda que existe un conflito urbanístico sobre os usos da actual parcela no barrio do Pino na que, logo deste planeado derrubamento, a Fundación Amancio Ortega pretende levantar unha residencia de maiores. “Instamos á Xunta de Galicia e ó Concello de Ourense a que resolvan a situación con todas as garantías xurídicas e legais necesarias”, recalcan antes de recordar que estes terreos “só se poden destinar a estación de autobuses, xa que así figura expresamente no contrato de cesión asinado no ano 1985, no que os propietarios executaban a cesión con ese fin e non para centros residenciais ou equipamento dotacional”.