INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos a doazón das dietas na Deputación de Ourense

O PSDEG-PSOE PROPÓN QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE DOE A CRUZ VERMELLA E CÁRITAS AS RETRIBUCIÓNS DOS DEPUTADOS E DEPUTADAS POR ASISTENCIA A ÓRGANOS COLEXIADOS DE MARZO E ABRIL

Os socialistas queren que os fondos para o pleno, comisións, xuntas de voceiros, reunións previas, xuntas de goberno e quilometraxe que quedaron sen uso teñan un novo fin social fronte ó virus SARS-CoV-2

Convidamos ós restantes grupos políticos da corporación a que se unan a esta iniciativa solidaria pois, coa súa conxunción, poderíase alcanzar unha cifra moito maior, resalta Villarino

Ourense, 8 de abril de 2020. O PSdeG-PSOE vén de rexistrar un escrito no que propón que a Deputación de Ourense doe a Cruz Vermella e Cáritas, as retribucións dos deputados e deputadas provinciais por asistencia a órganos colexiados da institución dos meses de marzo e abril, xa que son cantidades orzamentadas que van quedar se utilizar debido á súa suspensión temporal. Os deputados e deputadas socialistas provinciais acordaron propoñer que eses fondos sexan achegados á maior brevidade posible e a partes iguais a estas dúas ONG, co fin de axudar a paliar os efectos sociais e económicos provocados na provincia polo virus SARS-CoV-2.

O voceiro, Rafa Villarino, considera “fundamental” poder sumar “todas as achegas posibles” a entidades como estas dúas ONG que “están a realizar unha labor clave para mitigar as consecuencias adversas provocadas directa ou indirectamente polo novo virus”. “As suma de todas as contribucións posibles nestes momentos permite fortalecer a resposta da sociedade fronte a crise que se está a estender pola provincial”, salienta.

Rafa Villarino explica a medida acordada polos deputados e deputadas

O PSdeG-PSOE explica que as partidas orzamentarias destinadas ao pagamento de indemnizacións por asistencia ós órganos colexiados —pleno, comisións informativas, xuntas de voceiros, reunións previas e parte das xuntas de goberno—, así como gastos de desprazamento por quilometraxe que perciben algúns deputados e deputadas, quedaron sen utilizar no mes de marzo, algo que sucederá de forma similar neste mes de abril. O montante económico que correspondería ós cargos electos socialistas durante estes dous meses alcanza un valor estimado de, aproximadamente, 10.400 euros. A suma para toda a corporación ascende ata os 31.000 euros aproximadamente.

pleno deputacion ourense

«Para que esta proposta se faga realidade é preciso deixar de lado a propaganda así como unha acción inmediata do goberno para que eses cartos teñan agora un fin solidario»

Rafa Villarino

“Para que esta proposta se faga realidade é preciso deixar de lado a propaganda así como unha acción inmediata do grupo de goberno”, recalca o portavoz dos socialistas xa que “estamos ante un remanente de fondos públicos provinciais por ausencia de gasto que, instrumentando a modificación orzamentaria precisa, pode ser adicado a este fin solidario en poucos días, a través dunha subvención concedida a dúas entidades de acreditada experiencia e elevado compromiso na distribución de recursos á poboación vulnerable”. “Convidamos ós restantes grupos políticos da corporación provincial —PP, Democracia Ourensana, BNG e Ciudadanos— para que se unan a esta iniciativa solidaria pois, coa súa conxunción, poderíase alcanzar unha cifra moito maior que aumentaría a utilidade deste necesario fin de colaboración social”, conclúe Villarino.