INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Solicitamos aparcadoiro gratuíto para persoal do CHUO durante a crise sanitaria

O PSDEG-PSOE DE OURENSE INSTA Á XUNTA E Á DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA QUE FACILITEN APARCADOIRO GRATUÍTO AO PERSOAL SANITARIO DURANTE A CRISE DO CORONAVIRUS

Os socialistas consideran que se trata dunha medida económica xusta e acorde co sentir da cidadanía cara as persoas que desenvolven a obriga laboral máis esencial que existe, salvar vidas, arriscando, acotío, a súa propia saúde

Trasládanlle a administración provincial e autonómica, a necesidade de “proporcionar tarxetas que garantan durante esta crise a gratuidade dos seus aparcadoiros públicos o persoal que traballa no CHUO”

Ourense, 6 de abril de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense insta á Xunta e á Deputación de Ourense a que faciliten aparcadoiro gratuíto ao persoal sanitario durante a crise do coronavirus. Os socialistas destacan que cada día é moito o persoal médico, de enfermaría, as auxiliares, celadores, traballadores sociais, psicólogos, persoal administrativo, persoal de limpeza etc. que se desprazan por todo o noso territorio para “axudarnos a  identificar e tratar a un número crecentes de homes e de mulleres contaxiados polo COVID-19 en Ourense”, subliñan os socialistas. As súas tarefas parten dende a recepción dos posibles pacientes ata as probas de detección, o diagnóstico e os coidados e ánimos que  contribúen a saír da enfermidade, sen esquecer os consellos que facilitan a volta á vida cotián e a información respecto das axudas sociais ás que poden ter dereito e o apoio ás familias.

A medida de aparcadoiros públicos gratuítos para o persoal sanitario que formulan os socialistas de Ourense sitúase “nesta liña de apoio dende as administracións”. En concreto, o PSdeG-PSOE provincial insta a que á Xunta e a Deputación de Ourense “proporcionen tarxetas que garantan, durante a crise do coronavirus, a gratuidade dos seus aparcadoiros públicos ao persoal sanitario que traballa ou que se despraza ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO)”. Os socialistas tamén apuntan que no caso dos traballadores abonados a estes aparcadoiros públicos, esta medida “poderá levarse á práctica liberando as súas tarxetas para que teñan acceso gratuíto e non se realicen cargos no seu bono mensual”.

O PSdeG-PSOE de Ourense leva a loitar, dende hai anos, pola gratuidade dos aparcadoiros sitos no CHUO de Ourense -tanto o antigo da Deputación como o novo do SERGAS-, sen conseguir que Deputación e Xunta accederan a elo. “Agora apelamos novamente a ambas administracións para que accedan, alo menos, a conceder esta gratuidade temporal para o persoal sanitario que acude, cada día, a cumprir un labor tan esencial como arriscado e merecedor desta mínima compensación”, destacan fontes socialistas.

Unha medida económica que para os socialistas “é de xustiza” e “acorde co sentir da cidadanía” cara as persoas que desenvolven a obriga laboral máis esencial que existe, salvar vidas, arriscando, acotío, a súa propia saúde. “Hoxe, a sociedade é más consciente que nunca da valía do persoal sanitario, e demóstrao coas homenaxes cotiáns, espontáneas e solidarias que lle brindan cada día”, afirman os socialistas, que tamén apuntan que “a gratitude cara o persoal sanitario que cumpriu coas súas obrigas en tan difícil contexto tamén terá o espazo que lle corresponde. Mentres, a sociedade debe a seguir prestándolles o seu apoio, e as institucións tamén deben contribuír a elo”.