Reflexións

Reflexións | Sopas de allo para Ourense, café, copa e puro para os de sempre

Por Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial del PSdeG-PSOE.

O pasado 21 de marzo, o presidente da deputación de Ourense publicitou a creación do “Comité del día después” para afrontar a era post-coronavirus. Outra “idea xenial”, desta vez plaxiada do programa de deportes de movistar, coa que “míster minuto uno” segue a completar a súa colección particular de portadas xornalísticas. Outra cortina de fume, como veremos.

“No es momento para obras, lo que ahora toca es salvar vidas”, foi o titular do publirreportaxe lanzado polo herdeiro baltarista, desta vez sentado no seu trono de estilo castelán. E rematou a faena co titular do 1 de abril: “La Diputación de Ourense aprueba 300.000 euros en ayudas para entidades sociales”. Orella, rabo e volta á praza de touros provincial. El e os seus socios de goberno provincial, todos apertadiños en cadradiños dunha pantalla top para amosarlle cunha foto ao provincianismo que sabe facer videoconferencias, ou simular que practica o teletraballo (o seu xefe en Galicia domina un medio audiovisual máis potente -a telegaita-, e o seu “new friend” do concello ten outro que aínda non se sabe de quen é: a “telejácome”).

Pero este “psicópata con corbata”, como lle chamaba o jolperiano que se mofaba non hai moito das súas “chispas, relax” (e co que compite agora polos titulares cutres), mentres dicía unha cousa mantivo o hábito de facer outras pola calada.

En efecto, “Manuel Bastos”, que é o pseudónimo co que atiza de cando en vez ao seu archi-inimigo Jesús Vázquez Abad (que perdeu a mans de Jácome o título do “peor alcalde da historia de Ourense”), “esqueceuse” de difundir novas dos contratos menores de obra que segue a facer por detrás, polas costas, coma sempre.

Dende comezos de marzo, o dedo divino de “The first” ou “El primero de España” (pois gábase de ser o máis rápido do oeste á hora de aprobar orzamentos, crear comités, etc.) continúa asinando contratos de obras menores, que xa acumulan un importe superior a 545.000 €, que é bastante máis do que leva dedicado a “ayudas para entidades sociales” ou mesmo para o palé de máscaras, luvas e xeles desinfectantes co que posou tan fachendoso na compaña da delegada do goberno galego en Ourense -Marisol Díaz Mouteira-, a quen logo recortou da foto para quedar el soíño.

Nesta materia si que lle deron a razón nos medios alén das fronteiras da provincia o pasado mes de xaneiro: a deputación de Ourense é a primeira administración española, “The first”, á hora de dividir en anacos a contratación pública, dedicando máis cartos que ningunha outra a contrata de xeito directo, sen competencia e sen fiscalizar, como tanto prace aos seus colegas.

Aí Baltar Jr. é o campión, sen discusión. No que levamos de crise, asinou máis de medio millón de eurazos públicos en 16 contratos de obras menores ou a dedo, sendo 11 para as mesmas 4 empresas de sempre, que se levaron -coma de costume- máis do 70% do pastel (neste caso, riparon 394.314, 03 €, que supoñen o 72,28% dos 545.502,71 €, que é a cifra exacta dos contratos menores no período considerado). De iso non se viu nada en prensa, radio, TV ou redes sociais, ou sabían vostedes algo?

Para quen se pregunte o destino destas actuacións, dicir que foron para resolver contratos da seguinte tipoloxía de obras “urxentes”: asfaltados, melloras de camiños, saneamentos ou gradas de campos de fútbol. E cales foron os concellos de destino para as obras das empresas afíns? Pois todas, salvo o caso de San Xoán de Río (gobernado por unha formación independente), para concellos do PP: 3 obras para Esgos, e 1 para Leiro, Gomesende, Cartelle, Padrenda, Sandiás, Sarreaus, Rairiz de Veiga e Cortegada. En suma: obras con empresas amigas en concellos amigos. Vicios públicos e negocios privados. Un sandwich de avaricia que nin nestes momentos descansa!

Calquera pode comprobar, entón, que hai “moito titular… e poucas noces para quen as precisa” na crise do coronavirus, ou “ningún titular… e pasta a esgalla para amiguetes” en obras que seica non “era el momento” de facer. “Pataca minuta”, que diría Caneda, para a crise que nos asola, e rutas de capitais públicos cara petos inconfesables. E iso que non incluímos na análise á totalidade de contratos menores onde estampou as súas liñas táctiles dixitais “Lord ADN” -o home dos mil alcumes-, pois se engadimos tamén os de servizos e subministracións o monto total desta modalidade de contratación sen ética ascende a máis do 1.261.000 €.

Por algo fuxiron e aínda non pillaron aos integrantes doutro célebre “Comité” (lémbranse do “Comité de ética”?).

Informados están; agora xa sabemos que hai detrás do “Comité del día después”.

Ten pelotas o asunto, e non son de fútbol.

A ver se a xente non se esquece das persoas coas que tratamos nesta provincia, cidade e comunidade autónoma. Tentarán afogar a memoria entre titulares grandilocuentes uns, atolados outros, falsos todos.
Con informacións como esta esperamos vacinar á cidadanía contra os parasitos de sempre.

Ourense está farta de miserias, de mendigar as migallas que caen da mesa dos bandullos fartos. Esta terra precisa xustiza social, en troques de favores. Dereitos reais, sen titulares nin trileiros.