Concello de Ourense ESPAZO RURAL

Reclamamos a instalación de fibra óptica para a veciñanza de Seixalbo

O PSDEG-PSOE DE OURENSE APOIA A DEMANDA DA VECIÑANZA DE SEIXALBO PARA A INSTALACIÓN DA FIBRA ÓPTICA PARALIZADA DENDE HAI CATRO ANOS POLO GOBERNO MUNICIPAL

Os socialistas “urxen aos a PP e DO que satisfagan, con dilixencia, a solicitude da AVV de Seixalbo”, e aproben a instalación da liña de fibra óptica para esta poboación na seguinte xunta de goberno.

Os socialistas manifestan que “en ausencia de fibra óptica, a velocidade de datos actual na zona imposibilita conexións online de calidade co exterior”

Ourense, 13 de abril de 2020. O grupo municipal do PSdeG-PSOE apoia a demanda da veciñanza de Seixalbo para que o concello de Ourense autorice a instalación de fibra óptica despois de catro anos de parálise. A crise causada polo COVID-19 fai acuciante o reinicio desta acción para acabar co illamento social, educativo e profesional da poboación deste núcleo do concello.

O pasado 11 de marzo, o presidente da AVV de Seixalbo, Xosé Carballido, rexistrou un escrito no concello de Ourense no que instaba ao consistorio para que concedera unha “Autorizacion Provisional por Causa de Interese Público”, que posibilitara a posta en funcionamento desta infraestrutura de telecomunicacións, detida ás portas do núcleo no pasado mandato. A causa desta parálise é administrativa dado que faltaba a preceptiva licenza municipal para proceder a instalación da rede e a cal soamente precisa do informe favorable da xunta de goberno.

O documento presentado pola asociación está avalado por adhesións telemáticas de nove representantes comunitarios e as sinaturas de máis de 250 veciños do lugar, que sinalan necesidades perentorias de telecomunicación nas esferas de relación familiar, educación e profesionais, todas elas severamente afectadas polo confinamento iniciado hai un mes debido á pandemia do coronavirus.

Os socialistas manifestan que “en ausencia de fibra óptica, a velocidade de datos actual na zona imposibilita conexións online de calidade co exterior”, pois é de 1 MB de baixada e aínda menos de subida. Como resultado, “a veciñanza carece de capacidade para contactar visualmente por vía telefónica cos familiares, o alumnado queda excluído de moitos recursos do ámbito educativo, mentres que o teletraballo, así como outras tarefas profesionais (p. ex. vídeoconferencias), son irrealizables”, aseguran dende o grupo municipal.

Os socialistas de Ourense compartimos o sentir da veciñanza de Seixalbo, e a “urxencia” de solucionalo nuns momentos onde “dispor de internet de calidade cobra máis relevancia que nunca”. Por elo, “urxen aos representantes municipais de PP e DO para que satisfagan, con dilixencia, a solicitude da AVV de Seixalbo”, e aproben a instalación da liña de fibra óptica para esta poboación na seguinte xunta de goberno.

Accións de semellante natureza tamén se precisan na maioría dos núcleos rurais da cidade de Ourense, algúns deles sen liña de fibra óptica nas súas proximidades. Tales eivas deben superarse, asemade, de xeito inmediato, sendo esta unha obriga pola que tamén avogaremos as mulleres e os homes do PSdeG-PSOE da nosa cidade.

O mundo contemporáneo non pode concebirse sen internet de alta velocidade, nin nós podemos permitir que Ourense quede excluída dun futuro que xa debería ser presente.