Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Lamentamos que o PP de Ourense aproveite a crise sanitaria para facer publicidade electoral

O PSDEG-PSOE DE OURENSE LAMENTA QUE ALCALDES E CONCELLEIROS DO PP APROVEITEN A CRISE DO CORONAVIRUS PARA FACER PUBLICIDADE ELECTORAL DA XUNTA E A DEPUTACIÓN

Os socialistas acusan aos representantes do PP de “deslealdade institucional”, pois gábanse do suposto apoio de Feijóo e Baltar a conta das medidas e recursos do Estado

“O único que amosan con esta publicidade é a súa absoluta irresponsabilidade e indecencia política, facendo un uso partidista desta situación para obter un rédito electoral”, sinalan dende o PSOE

Ourense, 14 de abril de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a “mesquindade política” dos alcaldes e concelleiros do PP da provincia de Ourense, que nestes días están a difundir mensaxes entre a veciñanza dirixíndose as familias e vítimas máis vulnerables do coronavirus e gabándose do suposto apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, con “todos os recursos necesarios”, para facerlle fronte a crise.

“Nada disto sería posible sen a axuda da Xunta de Galicia e, por suposto, da Deputación de Ourense”, reza por exemplo a comunicación remitida pola alcaldesa de A Bola, Teresa Barge, a que se suman envíos similares realizados por representantes do Partido Popular en Celanova, Oímbra, Castrelo do Val, Leiro, Toén, Muíños, Valdeorras, Nogueira de Ramuín, Cenlle, Arnoia e Bande, entre outros.

O PSdeG-PSOE lamenta a “falta de lealdade institucional” dos alcaldes e concelleiros do PP na provincia que están a facer uso desta publicidade, obviando que a meirande parte dos recursos e medidas que mencionan proveñen do Goberno do Estado, que os puxo a disposición das restantes entidades públicas.

Neste sentido, os socialistas recordan que a Lei 29/2005 de 29 de decembro de Publicidade e Comunicación Institucional, menciona a necesaria colaboración e lealdade institucional entre as distintas administracións públicas, de acordo aos principios de veracidade e responsabilidade (art. 3. punto 4) “e o único que amosan con esta publicidade é a súa absoluta irresponsabilidade e indecencia política, facendo un uso partidista desta situación para obter un rédito electoral, a conta da desgracia das persoas que están a sufrir esta crise”, engaden.

En concreto, o PSOE alude ao feito de que os representantes do PP nos concellos da provincia rematen as súas misivas coa expresión “xuntos, imos gañar”, recorrendo, de xeito perverso, ao equívoco entre a vitoria sobre o corononavirus e a vitoria electoral, nunha campaña carente de ética que aparenta fins partidistas. De non mediar a suspensión de procedementos debida a situación de emerxencia actual, os socialistas denunciarían esta nefasta praxe política ante a xunta electoral de zona, pois, ao seu xuízo, podería conculcar a propia Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREX).

Os socialistas preguntarán ao PP de Ourense e aos distintos grupos municipais desta formación política na provincia para esclarecer se esta publicidade en redes sociais é de natureza política ou institucional.