Concello de Ourense Política municipal

Estupor ante as irrespectuosas declaracións de Jácome coa cidadanía de Ourense

O PSdeG-PSOE CRITICA A “VOLTA Á ESCEA” DE JÁCOME COMO “O CAPITÁN DO MES DESPOIS” QUE “SALVARÁ A OURENSE DO CORONAVIRUS”

Os socialistas da cidade de Ourense critican a parálise e falta de iniciativa do alcalde Jácome e os seus socios de gobernó do PP desde o inicio da crise

Critican “o ridículo e o teatro irrespectuoso” de Jácome, cuxo “único propósito é encher de contido a súa televisión”. “Xa podería ser tan rápido nas axudas como desviando fondos de DO para manter o seu negocio audiovisual”, conclúen os socialistas

Ourense, 16 de abril de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “estupor” ante a “esperpéntica” rolda de prensa ofrecida no día de onte polo alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, quen “despois dun mes dedicado a pasear saltándose o confinamento e a refuxiarse no seu negocio, reapareceu como suposto salvador da cidade” que loitará contra a crise, amosando unhas contas “do gran capitán” que “nos salvarán da pandemia”.

Os socialistas aluden á “morea” de investimentos e accións, “sempre futuribles”, que o goberno municipal de PP e DO segue a anunciar, dez meses despois de “aterrar” na alcaldía, e ante a máis que evidente inacción e abandono da cidade desde que o Goberno do Estado decretou o estado de alarma.

Responden deste xeito á inversión anunciada por Jácome de 50 millóns de euros en infraestruturas, dos 100 de remanente acumulado polos seus actuais socios de goberno do PP desde o mandato anterior — “aínda non sabemos se en bancos de Panamá ou de onde”, parafraseando as propias palabras do alcalde— nun plan de obras que, como tamén recoñeceu o rexedor, segue pendente de aprobación.

O PSdeG-PSOE critica que tanto DO como o PP “non fixeron os deberes, e agora véñennos con que compre pechar o exercicio do ano anterior, para poder utilizar os remanentes de crédito, convocar un pleno extraordinario e aprobar, definitivamente, os orzamentos do ano 2020”, cando sequera quixeron convocar unha xunta de voceiros cos representantes da oposición.

Neste sentido, os socialistas recordan que presentaron, fai tres semanas, un conxunto de iniciativas “realistas e meditadas” con medidas fiscais e de contratación de servizos públicos por importe de máis de 3,5 millóns de euros, así como de emerxencia social (case 8,5 millóns) e de limpeza e hixiene pública (500.000 euros) para a cidade, e trasladaron o seu apoio e disposición para colaborar co goberno municipal, sen que ata a data recibiran resposta pola súa parte.

“Mais de momento, a única evidencia de investimento que temos durante os últimos meses, son os 20 ordenadores portátiles que o alcalde di que mercou para os funcionarios do concello”, non sabemos, engaden desde PSdeG-PSOE, se “para conectarnos con este gran centro da intelixencia artificial que seica agora vai a poñer en marcha para ofrecerlles aos comerciantes”. “Unha sorte de ‘Marketplace’ que, grazas aos outros 60.000 euros anuais que custará a contratación dun ‘intelligence manager’, sacarán ao comercio da cidade da crise”.

En definitiva, os socialistas da cidade critican “este novo ridículo e teatro irrespectuoso coa cidadanía e a xente que está a sufrir esta crise”, co único propósito de “encher a programación da súa televisión”, porque “xa podía ser tan rápido nas axudas e investimentos na cidade como o foi desviando os fondos que recibe Democracia Ourensana para manter o negocio audiovisual dun falso autónomo” que, ademais, “vén de prometer 2.000 euros para cada un dos miles de autónomos da cidade, arredándose o papel do Goberno do Estado”, e “erixíndose no paladín de todos eles”, engaden os socialistas.