GOBERNO ESTATAL INICIATIVAS

O Goberno amplía prazos para proxectos financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Os concellos galegos recibiron directamente do Estado un total de 1.054.944,06 euros para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia de xénero, que estaban agora en execución

Con esta modificación amplíanse os prazos de execución até o 26 de agosto e de xustificación até o próximo 26 de decembro

A Delegación do Goberno lembra ademais que desde a declaración do Estado de Alarma as entidades locais poden destinar estes fondos para a prestación de servizos de protección e atención ás vítimas de violencia de xénero

Ourense, 25 de abril de 2020. A Delegación do Goberno en Galicia está a trasladar aos concellos a decisión do Goberno que permite ampliar o prazo de execución e de xustificación dos proxectos que estaban a desenvolver ao amparo dos fondos de 2019 do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Trátase de diversas medidas que resultaron afectadas na súa execución e implementación pola declaración do Estado de Alarma. Con esta modificación amplíase o prazo de execución dos proxectos até o 26 de agostos, e o de xustificación dos mesmos, que se estende até o próximo 26 de decembro. Desta forma garántese que todos os fondos poidan ser executados con garantía.

As entidades locais de Galicia recibiron directamente do Goberno 1.054.944,06 euros para a implantación de medidas e programas para a loita contra a violencia de xénero, dentro dos fondos do ano 2019 para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Estes fondos estaban a executarse en diferentes actividades, como o reforzamento dos servizos municipais de atención e información ás vítimas de violencia contra a muller, formación especializada en materia de igualdade, puntos de encontro familiar, etc.

Por outra banda, a Delegación do Goberno lembra ás entidades locais que a Declaración do Estado de Alarma permítelles destinar os fondos que lles correspondan do Pacto de Estado contra a Violencia de Xero á prestación dos servizos esenciais para a protección e atención de vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia sobre a muller. Entre eles inclúense as campañas de sensibilización.