Denuncias POLÍTICA PROVINCIAL

Reclamamos a Feijóo unha auditoría das residencias de maiores

O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA A FEIJÓO UNHA AUDITORÍA DAS RESIDENCIAS DE MAIORES TRAS CONCENTRAR A PROVINCIA MÁIS DA METADE DOS CASOS NESTES ESPAZOS

Villarino denunciou que o presidente galego “abdicou da súa responsabilidade dicindo que a maioría das residencias son privadas, como se iso o eximira das obrigas de vixilancia, inspección e control”

Reclamou rigor e diálogo a Feijóo, Baltar e Jácome porque “están máis preocupados en gañar protagonismo electoral confrontando co goberno do Estado” que “en satisfacer as necesidades da xente”

Ourense, 27 de abril de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense reclama a Alberto Núñez Feijóo unha auditoría das residencias de maiores, logo de que a provincia sume a metade dos casos de SARS-CoV-2 detectados en Galicia nestes espazos. O secretario provincial, Rafa Villarino, compareceu hoxe nunha rolda de prensa na que demandou ó presidente da Xunta que asuma a súa responsabilidade xa que ostenta a tutela destes centros, realizando unha auditoría inmediata e poñendo máis medios para o seu control. Os principais problemas da pandemia na provincia ourensá están a ocorrer nestes espazos, mais en Lugo non sucedeu o mesmo sendo territorios cun similar perfil demográfico e sociolóxico.

Villarino dixo que “o maior abandono de Feijóo foi o que realizou ó respecto das residencias de maiores, que afecta, sobre todo, ás de Ourense, a primeira provincia galega en canto a contaxios”. “E que fixo Feijóo? Abdicar da súa responsabilidade dicindo que a maioría son privadas, como se iso o eximira das obrigas de vixilancia, inspección e control”, destacou antes de sinalar que “as traxedias ocorridas non poden volver a pasar nunca mais”. Os socialistas demandan máis medios e defenden que “non haberá espazo para o clientelismo, o mercantilismo e a economía especulativa”.

O secretario provincial tamén denunciou que Feijóo, Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome permanecen “alleos aos demais, sen reunirse cos grupos da oposición, desentendéndose da realidade e preocupados de xeito inadmisible polas vindeiras eleccións” porque, insiste, “están máis preocupados en gañar protagonismo electoral a conta de confrontar co goberno do Estado” e en “satisfacer o seu narcisismo acaparando titulares nos medios, esquecéndose das necesidades da xente en plena pandemia”. Desde o PSdeG-PSOE de Ourense denuncian o “confinamento político de Galicia e Ourense e a vergoñenta propaganda do PP” polo que instan á dereita para que abandone o seu “discurso solipsista” e contribúa a adoptar medidas consensuadas.

A propaganda de Baltar e Jácome

Villarino detallou que “o abandono da provincia por parte de Baltar é total” xa que “non chamou, nin unha soa vez, aos concellos socialistas para ver se precisaban algo”. “Non lles remitiu material e o lixo, que é o servizo delegado na maioría dos concellos, sufriu o maior recorte xusto cando a veciñanza se desfixo da maior cantidade de residuos que se recorda, tal e como subliñou SOGAMA”, explicou antes de sinalar que tamén pechou puntos limpos, reduciu frecuencias de recollida e non desinfectou contedores a pesares da situación de pandemia. “Sen embargo con total impunidade e descaro, puxéronse a repartir máscaras e pantallas como se foran bolígrafos do PP en plena campaña electoral”, destapou.

De Jácome dixo que a súa “única preocupación” segue a ser “saír nos medios de comunicación e reiterar a rolda de promesas futuribles de parques acuáticos, túneles, macrofestas con estrelas de postín, parkings, escadas mecánicas, e tamén de choivas de millóns, 10 a 20 ou 50”. Sobre o pleno convocado na terceira cidade de Galicia esta semana insistiu en que “a principal meta do alcalde é aprobar uns orzamentos ilegais e insuficientes para cubrir as necesidades municipais, e que agora xa son estériles por desfasados ó respecto das necesidades da cidadanía, e extemporáneos porque comezarán a aplicarse, de prosperar, a metade de ano”. “O único obxecto é colgarse a chapa de ser o primeiro que logra aprobalos nos últimos cinco anos”, destacou.

Pacto contra a crise

O líder dos socialistas tamén anunciou que ofrécense a todas as forzas políticas e institucións para “xerar un grande pacto na capital, no resto dos concellos e na deputación”. “Dese pacto deberán saír comisións de crise e plans de continxencia con medidas urxentes para os dous primeiros meses, así como a medio e a longo prazo, sendo o fin último un plan xeral de contido social que mude os intereses da economía especulativa e do cemento polas das persoas”, concluíu Villarino.