FONDOS PÚBLICOS GOBERNO ESTATAL

Miles de autónomos de Ourense perciben a prestación extraordinaria aprobada polo Goberno central

Destinada a traballadores por conta propia afectado polo peche de negocios debido á declaración do estado de alarma ou cuxa facturación caia no mes un 75% respecto a a media mensual

Os autónomos beneficiarios desta prestación aprobada polo Goberno central que poidan abrir o seu negocio ao comezo da desescalada seguirán percibíndoa ata o último día do mes que finalice o estado de alarma

30 de abril de 2020. Miles de autónomos e autónomas de Ourense ─68.576 en toda Galicia─ perciben a prestación extraordinaria por cesamento de actividade impulsada polo Goberno central. Este segundo ingreso chega coa medida desenvolvida por mor da pandemia do COVID-19. A medida implica tamén a exoneración de cotas á Seguridade Social de forma temporal. Ademais, os beneficiarios percibirán esta axuda ata o último día do mes que finalice o estado de alarma. É a primeira vez na historia na que o pago de prestacións anticípase desde o día 10 a finais do mes anterior.

A medida foi aprobada no Real Decreto-Lei 8/2020, tras a declaración do estado de alarma. Ata o de agora presentáronse en Galicia 71.684 solicitudes e sendo resoltas favorablemente 68.576, o que supón preto do 96%, no que representa un gran esforzo de tramitación por parte da administración. En toda España 1.154.195 autónomos van percibir a prestación extraordinaria por cesamento de actividade, o que supón outra inxección de 641,2 millóns de euros.

O pasado 17 de abril xa se realizou o ingreso da primeira mensualidade a 919.173 autónomos, o que supuxo unha inxección de 670,9 millóns de euros, correspondente ao período entre o 14 de marzo e esa data.

Quen ten acceso a esta prestación?

Ten acceso a esta prestación calquera traballador ou traballadora por conta propia inscrito no réxime correspondente, que se vexa afectado polo peche de negocios debido á declaración do estado de alarma ou cuxa facturación caia no mes un 75% respecto a a media mensual do semestre anterior. No caso dalgúns colectivos como o réxime agrario, do mar ou da cultura e o espectáculo, o período de cálculo adáptase ás peculiaridades deses sectores.

Os autónomos beneficiarios da prestación que poidan abrir o seu negocio ao comezo da desescalada seguirán percibíndoa ata o último día do mes que finalice o estado de alarma. A axuda busca protexer a falta de ingresos dos autónomos nesta situación excepcional e contribuír á supervivencia do seu negocio.