Reflexións

Reflexións | Do espazo virtual a un novo mundo no 1º de maio de 2020

Por Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE.

O contaxio por coronavirus está a estragar a vida de miles de persoas, e non cesará ata que remate a pandemia. A empatía coa súa dor agroma acotío, e será honrada de xeito solemne e institucional cando remate o pesadelo. Mentres, as apertas fraternais dende a distancia remedan ás físicas coas que amosaremos, pronto, as condolencias adiadas.     

E tamén emerxen -de xeito espontáneo- homenaxes cotiáns aos traballadores de servizos esenciais no ámbito da sanidade, nas residencias de maiores, nos organismos de emprego (SEPE e Seguridade Social), na da cadea alimentaria (supermercados, transportes,…), na limpeza, nos servizos de abastecemento de auga e saneamento, na rede eléctrica, de gas e combustibles, na telefonía e nas telecomunicacións… evidenciando o seu valor insubstituíble.

A unidade de acción, como a que subscriben os sindicatos UGT e CC.OO. no 1º de Maio de 2020, debe ser o espello no que se mire a nova sociedade. Unha nova sociedade que partirá, por mor do confinamento, dunha manifestación virtual no 1º de maio, e que pretende alumear un novo mundo onde perderán sentido as críticas ao sector público e ao Estado, que son os verdadeiros garantes da xustiza social.

A nova realidade, obra común de todos, superará as eivas sociais e laborais que fixo patentes esta grande epidemia, e asentarase sobre un modelo produtivo que non deixe a ninguén atrás, e potencie a educación, a investigación e a innovación, garantindo, por fin, recursos económicos, saúde, pensións e coidado dos maiores dignos.

#OutroModeloÉNecesario #1ºdeMaio2020