Denuncias Deputación de Ourense

O Consello de Contas investigará os contratos a dedo de Baltar

O CONSELLO DE CONTAS INVESTIGARÁ O “CARRUSEL PRESUNTAMENTE ILEGAL” DE CONTRATOS MENORES EXECUTADO POLO GOBERNO DE BALTAR E DO DENUNCIADO POLO PSDEG-PSOE

O ente fiscalizador confirma que incluirá o exame dos contratos tramitados mediante o procedemento de contratación menor dentro dos plans de traballo de 2019 e 2020 ó ser unha “área de risco”

Villarino celebra a decisión porque “estamos ante a administración pública de todo o Estado que adica máis cartos a contratos realizados sen control, unicamente co dedo do presidente Baltar”

Ourense, 5 de maio de 2020. O Consello de Contas investigará o “carrusel presuntamente ilegal” de contratos menores executado polo goberno de Manuel Baltar e DO na Deputación de Ourense, denunciado polo PSdeG-PSOE o pasado mes de febreiro. Os socialistas entregaron un milleiro de folios con documentación sobre o “reparto a dedo” de sete millóns “fragmentados de forma presuntamente irregular en 160 contratos menores de obra” entre catro empresas ó longo dos últimos anos, un proceder que tamén executaron cos contratos menores de subministros e servizos.

O ente fiscalizador das contas e da xestión económico-financeira do sector público galego comunicou ós socialistas que a denuncia “cumpre con tódolos requisitos para a súa admisión” e explica que “tratándose dun procedemento que se tramita de oficio e no que o comunicante non ostenta a condición de parte”, a lei obriga a “apreciar en cada caso a conveniencia e pertinencia de acordar a iniciación dos procedementos fiscalizadores”.

Así pois e logo da súa análise, Contas confirma que “se incluirá o exame dos contratos tramitados mediante o procedemento de contratación menor dentro do plan de traballo de 2020”. Tamén anuncian que ó ser unha “área de risco” investigan os contratos tramitados mediante este procedemento de contratación no “ámbito da fiscalización selectiva da Deputación Provincial de Ourense acordada no plan de traballo de 2019”.

O portavoz, Rafa Villarino, asegura que con esta decisión “dáse paso a que se investigue se as contratacións están dentro do dereito porque estamos ante a administración pública de todo o Estado que adica máis cartos a contratos realizados sen ningún tipo de control, unicamente co dedo do presidente Baltar”. “Son 30 millóns de euros en total nos últimos cinco anos sendo a administración pública que máis cartos adxudica mediante contratos discrecionais que no 70 % dos casos se adicaron a cinco empresas”. Villarino insiste en que “ábrese a porta a pór fin a unha práctica antidemocrática que dilapida os fondos provinciais”.

Nos casos concretos trasladados a Contas desde o 1 de xaneiro de 2018, a Deputación ourensá adxudicou á empresa ‘Manuel Viso e Hijos’ 1,9 millóns en 58 contratos menores. A continuación sitúanse ‘Camiños de Ourense’ con 1,5 millóns en 40 contratos; ‘Coviastec’ con 1,4 millóns e 38 contratos; e Explotacións Medioambientais con 0,8 millóns en 24 contratos. A todos os importes hai que engadir o IVE. Nesta análise non se teñen en conta os cartos adxudicados polo procedemento ordinario mediante concurso.

O socialistas salientan que existe una “violación evidente da legalidade” en “15 obras menores superiores a 40.000 euros e uns 10 contratos de servizos superiores a 15.000 euros que superan os topes fixados”. “Case todas as obras que adxudica o goberno de Baltar e Democracia Ourensana a dedo teñen sospeitosamente o mesmo importe, cando se trata de obras de natureza completamente distinta”, recordan.