GOBERNO ESTATAL SERVIZOS PÚBLICOS

O PP quere tombar axudas para empregados en ERTE, autónomos ou empregadas do fogar

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA A COMPLICIDADE VERGOÑENTA DE FEIJÓO E BALTAR PARA TOMBAR AXUDAS A AUTÓNOMOS, EMPREGADAS DO FOGAR OU TRABALLADORES GALEGOS AFECTADOS POLA COVID-19

Os socialistas destacan os “feitos” de Sánchez fronte a “propaganda” de PP e DO e advirten que “a súa deslealdade non será co Goberno central; será cos cidadáns e eles serán os responsables directos”

“Se Feijóo e Baltar aplauden esta inmundicia política, cargarán para sempre coa lousa de desamparar a propósito ós afectados e afectadas pola pandemia” polo que lles reclaman que esta vez “se planten”

Ourense, 4 de maio de 2020. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a “noxenta complicidade” de Alberto Núñez Feijóo e Manuel Baltar coa estratexia do PP que busca tombar as axudas extraordinarias para autónomos, empregadas do fogar ou traballadores en ERTE a causa da COVID-19, ó non apoiar a prórroga do estado de alarma. Os socialistas denuncian a “irresponsabilidade” e a “borracheira de poder” dos populares, que só teñen posto o seu foco no desgaste do Goberno central adoptando “decisións deplorables”, que implicarían a fin destas axudas adoptadas por primeira vez na historia, “deixando sen protección social a millóns de persoas de súpeto” e que tamén impediría regular o confinamento ou o peche de fronteiras.

“O PP é experto en deixar na estacada ás persoas nas crises, posto que foi o único que fixo entre 2011 e 2018”, unha decisión “inhumana e insolidaria que a sociedade xa lles reprochou nas urnas varias veces”, sinalan. “Mentres Feijóo, Baltar e o seu anexo lowcost no Concello de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, só se adican á propaganda baleira anunciando sobres con billetes para autónomos que nunca chegan, o executivo de Sánchez céntrase nos “feitos” e xa ingresou a milleiros de autónomos e autónomas de Ourense a “prestación extraordinaria que cobrarán incluso cando retomen a súa actividade e só mentres estea en vigor o estado de alarma”, destacan antes de explicar que o Goberno “tamén está a reintegrar as cuotas pagadas desde marzo”.

No caso dos ERTE, a vixencia do estado de alarma permite o seu pagamento con fondos públicos posto que a Lei de Saúde Pública obriga ao dono da empresa a correr cos gastos cando o peche está motivado por razóns de saúde pública. “PP e DO, con tal de prexudicar ó PSOE, están dispostos a que os empresarios asuman sós os gastos laborais derivados de pechar o seu negocio ou que os autónomos queden sen axudas en plena crise sanitaria”, recalcan os socialistas.

O PSdeG-PSOE esixe ó PP galego e ourensán que “faga gala da ourensanía que tanto predican” e que “se planten” ante “unha estratexia partidista coa que van esmagar o sustento de moitas familias só por intereses partidistas”.

“A súa deslealdade non será co Goberno central; será con todos os cidadáns e os populares serán os responsables directos”

PSdeG-PSOE de Ourense

“A súa deslealdade non será co Goberno central; será con todos os cidadáns e os populares serán os responsables directos”, advirten antes de lembrar que o PP xa foi “desleal” cos afectados tras non apoiar no Congreso medidas como a prohibición do despedimento por causas relacionadas coa COVID-19; o permiso retribuído recuperable; a prohibición dos desafiuzamentos ou os microcréditos sen  intereses para inquilinos; a creación dun subsidio para empregadas do fogar; a concesión de moratorias no pago das cotizacións ou medidas urxentes en materia de protección e asistencia ás vítimas de violencia de xénero

“Todos os partidos políticos deben ser responsables, rigorosos e solidarios na xestión das crises sanitarias e este debate sobre a prórroga do estado excepcional non se está a dar en ningún lugar de Europa posto que en todos existe unha oposición leal e preocupada pola veciñanza”, insisten antes de recordar que, por exemplo, Francia acaba de prorrogar o estado de emerxencia ata o 24 de xullo. “Se Feijóo e Baltar aplauden esta inmundicia política, cargarán para sempre coa losa de desamparar a propósito ós afectados e afectadas pola pandemia”, conclúen.